As e os emigrantes galegos nos Estados Unidos de América poderán beneficiarse do acceso á Tarxeta Sanitaria Galicia Saúde Exterior

Esta tarxeta non supón ningunha variación nos dereitos das persoas usuarias, pero facilita a relación entre a Xunta e os seus administrados e administradas na diáspora .

O Goberno galego amplía así a atención que xa ofrece ás persoas emigrantes en México, Arxentina, Venezuela, Uruguai e Brasil.

O groso da colonia galega nos EE.UU. reside en Newark e Nova York, cidades que visita o secretario xeral da Emigración.

Listen to this page using ReadSpeaker
29 de abril de 2012.

Tarxeta Sanitaria Galicia Saúde Exterior. O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, en representación da Xunta de Galicia, asina tres convenios con cadansúa entidade das cidades norteamericanas de Newark (dous) e Nova York, para colaboraren na tramitación previa para a obtención da tarxeta sanitaria “Galicia Saúde Exterior”. Esta tarxeta, emitida polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), garante dereitos e prestacións idénticos aos que calquera cidadán e cidadá da Galicia territorial posúe, durante a estadía dos galegos e as galegas na súa terra natal.

A medida beneficiará ás galegas e aos galegos da diáspora residentes nos Estados Unidos, e asínanse en Nova York e Nova Jersey por seren os estados que concentran a maioría da colonia galega afincada en Norteamérica, segundo os datos do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro).

Concretamente, en Newark (cidade moi próxima a Nova York pero xa pertencente ao estado de Nova Jersey), Santiago Camba asina dous convenios. O primeiro, coa entidade Centro Orensano Social Club, que preside Miguel González, e o segundo coa Peña Galega do Club España, presidida por Juan Álvarez. Finalmente, en Nova York asina un terceiro convenio coa Unidad Gallega de los Estados Unidos, cuxa representación recae en José Gil.

O convenio estipula as condicións da colaboración entre a Xunta de Galicia e estas entidades para facilitar a obtención da tarxeta ás persoas beneficiarias, o cal non significa que as e os emigrantes galegos non tivesen ata agora dereito á mesma. Iso si, facilita a súa tramitación e achega a Administración galega ás e aos seus administrados, incluídos os galegos e as galegas da diáspora.

Validez
A tarxeta sanitaria Galicia Saúde Exterior só se distingue da tarxeta ‘normal’ do SERGAS na súa validez, por canto se supón que se vai usar unicamente para as estadías temporais que realizan as e os emigrantes galegos na súa terra natal. Limitada inicialmente a tres meses, pode reactivarse superado ese prazo en casos excepcionais.

Arestora, mediante os convenios activados por Emigración no exterior, ás cidadás e os cidadáns galegos da diáspora mesmo poden contar coa tarxeta sanitaria antes de saíren do seu país de acollida. Desta maneira non só se evitan custosos trámites burocráticos para as e os beneficiarios, senón que a Administración preocúpase de facerlles efectivos os seus dereitos en circunstancias adversas: é obvio que se o ou a emigrante solicita unha tarxeta sanitaria é porque precisa asistencia médica, e polo tanto non atravesa precisamente un bo momento.

O Goberno galego, sempre atento ás necesidades da diáspora galega e á súa obriga legal de velar polas condicións de vida dos seus habitantes, residan onde residan, está a ampliar o número de países nos que se asinan convenios como os que levaron nesta ocasión a Camba aos Estados Unidos. A Xunta decidiu así ampliar a cobertura da tarxeta sanitaria Galicia Saúde Exterior que xa funciona para as e os emigrantes nas repúblicas de Arxentina, Uruguai, Venezuela, México, e Brasil.

Despois, a México
Unha vez asinados estes convenios, Santiago Camba continúa a súa viaxe cara a México D.F., onde inaugurará a exposición Galicia: Cen lugares para volver a mirada, escolma fotográfica acompañada de textos que explican de maneira sucinta algunhas paisaxes emblemáticas da Comunidade.

Ademais, o secretario xeral da Emigración participará o martes 1 de maio na Festa Campestre do Centro Galego de México, unha das citas máis relevantes do calendario da diáspora galega de todo o mundo, e un punto de encontro habitual da numerosa colectividade galega –ourensá, fundamentalmente- que vive no Distrito Federal.

1434 lecturas