Os e as 38.000 emigrantes galegos e galegas no Brasil beneficiaranse en breve de facilidades para accederen á tarxeta sanitaria

A Xunta amplía así a atención que xa ofrece á diáspora en México, Arxentina, Venezuela e Uruguai.

O Goberno galego cobre con esta iniciativa o oco creado pola suspensión parcial do convenio bilateral entre España e o país americano.

Listen to this page using ReadSpeaker
9 de novembro de 2011.

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, en representación da Xunta de Galicia, asinará en breve un convenio con tres entidades das cidades brasileiras de Salvador de Baía, Río de Xaneiro, e Santos, para colaboraren na tramitación previa para a obtención da tarxeta sanitaria “Galicia Exterior”. Esta tarxeta, emitida polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), garante dereitos e prestacións idénticos aos que calquera cidadán e cidadá da Galicia territorial posúe, durante a súa estadía na súa terra natal.

A medida podería beneficiar potencialmente a máis de 38.000 galegos e galegas da diáspora, segundo os datos do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2011. Concretamente, en consonancia con estes datos, habería no Brasil 8.766 emigrantes da provincia da Coruña, 1.715 de Lugo, 8.859 de Ourense, e 18.804 de Pontevedra.

O convenio estipula as condicións da colaboración entre a Xunta de Galicia e estas entidades para facilitar a obtención da tarxeta ás persoas beneficiarias, o cal non significa que os e as emigrantes galegos e galegas non tivesen ata agora dereito á mesma. Iso si, facilita a súa tramitación e achega a Administración galega aos seus administrados e administradas, incluídas a cidadanía galega da diáspora.

Validez
A tarxeta sanitaria “Galicia Exterior” só se distingue da tarxeta ‘normal’ do SERGAS na súa validez, por canto se supón que se vai usar unicamente para as estadías temporais que realizan os e as emigrantes galegos e galegas na súa terra natal. Limitada inicialmente a tres meses, pode reactivarse superado ese prazo en casos excepcionais.

Arestora, mediante os convenios activados por Emigración no exterior, a cidadanía da diáspora mesmo poden contar coa tarxeta sanitaria antes de saíren do seu país de acollida. Desta maneira non só se evitan custosos trámites burocráticos para as beneficiarias e beneficiarios, senón que a Administración preocúpase de facerlles efectivos os seus dereitos en circunstancias adversas: é obvio que se o ou a emigrante solicita unha tarxeta sanitaria é porque precisa asistencia médica, e polo tanto non atravesa precisamente un bo momento.

Ineficacia do Estado
Trátase dunha iniciativa que persegue cubrir o oco asistencial recente creado pola ineficacia dos convenios bilaterais asinados por España e os distintos países receptores da diáspora. No caso concreto do Brasil, o vixente convenio de reciprocidade na atención aos nacionais do outro país ten suspendida a cláusula de asistencia sanitaria debido á importante débeda acumulada polo país americano contra as arcas do Estado español. Esta débeda veuse incrementada de maneira exponencial nos dous últimos anos, en boa parte debido ao fenómeno do denominado “turismo sanitario”.

Así, e ante a inoperancia do Goberno Central na busca de solucións nesta materia, o Goberno galego decidiu ampliar ao Brasil a cobertura da tarxeta sanitaria “Galicia Exterior” que xa funciona para as e os emigrantes nas repúblicas de Arxentina, Uruguai, Venezuela, e México.

Con cadansúa entidade en Bos Aires, Montevideo, Caracas, e o Distrito Federal, a Xunta ten asinado un convenio similar ao que en breve formalizará o Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, con outras tres de Salvador de Baía, Río de Xaneiro, e Santos, que son as tres cidades que concentran un maior número de emigrantes galegos e galegas no Brasil.

1475 lecturas