Camba asina en Venezuela catro convenios para a mellora das condicións das emigrantes e dos emigrantes galegos máis desfavorecidos

Trátase de acordos para atención socioasistencial destinados fundamentalmente a persoas maiores que quedaron sen a cobertura médica máis básica.

A dotación global da Xunta para diversas accións desenvolvidas polas entidades da diáspora ascende a cen mil euros.

Listen to this page using ReadSpeaker
31 de maio de 2012.

Xunta de Galicia - Secretaría Xeral da Emigración.O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, ven de asinar  en Caracas tres convenios para a protección social e sanitaria dos colectivos de galegas e galegos emigrados naquel país e que se atopan en situación máis precaria. Asemade, Camba asinará un cuarto acordo pasado mañá, sábado, en Valencia de Venezuela.

O primeiro, unha novidade
O primeiro dos convenios asinados pretende dar cobertura sanitaria básica á cidadanía galega que quedou en pleno desamparo socioasistencial debido a modificacións nas prestacións asistenciais naquel país. Trátase dun acordo que se asina por primeira vez, e que pretende dar resposta a unha situación nova de emerxencia social para milleiros de persoas emigradas galegas en Venezuela.

Así, e segundo reflicte o texto do acordo, “moitos emigrantes galegos que tiñan subscrita a súa cobertura médica a través de entidades mutualizadas quedaron sen tales coberturas”, por mor dun cambio na normativa venezolana.

Deste colectivo, unha gran porcentaxe son galegos e galegas, e moitos deles e delas non teñen outra opción de asistencia que a Hermandad Gallega de Venezuela. Segundo os datos do CERA, preto de 45.000 emigrantes galegos e galegas residen na República Bolivariana, confirmando este destino como o segundo país estranxeiro con máis cidadás e cidadáns galegos, despois da Arxentina.

O presidente da Hermandad, Antonio Piñón, asinou o convenio canda o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba. Mercé ao acordo, Emigración colabora no financiamento do programa de atención sanitaria básica dos cidadáns galegos e galegas residentes en Venezuela que non perciban pensión económica por ancianidade. Para acadar este obxectivo, a Hermandad comprométese a identificar os posibles beneficiarios e beneficiarias con actividades de carácter promocional, e de estudo de campo e detección de persoas coas referidas necesidades, ás que prestará asistencia sanitaria.

Os destinatarios e destinarias da acción han ser persoas de orixe galega con nacionalidade española e residentes en Venezuela, que pola súa idade, estado físico e situación de carencia, non dispoñan de cobertura sanitaria. Emigración reserva trinta mil euros para este convenio, que estipula a documentación que a Hermandad deberá presentar para xustificar os gastos derivados da súa sinatura.

Segundo convenio
O secretario xeral da Emigración asinou despois outro acordo coa Fundación Española de Emigrantes Dependentes, presidida por María Estrella Salgado, para o desenvolvemento do Servizo de Axuda a Domicilio.

Trátase dunha iniciativa “social, pública e comunitaria que presta unha serie de atencións e coidados de carácter persoal, psico-social, educativo, doméstico e técnico aos individuos e unidades de convivencia no seu domicilio cando se atopan en condicións nas que non é posible a realización das súas actividades habituais, ou en situación de conflito psico-ocial ou familiar para algúns dos seus membros”, segundo recolle o texto do acordo asinado en Caracas.

As persoas beneficiarias do acordo han ser cidadás e cidadáns de orixe galega ata segundo grao de consanguinidade, inscritas no Consulado Español como residentes en Venezuela, e que pola súa idade, minusvalidez ou enfermidade, se atopen en situación de dependencia acreditada.

O departamento que dirixe Santiago Camba destinará a este acordo dez mil euros, que han ser debidamente xustificados pola entidade receptora en gastos de tarefas de atención persoal, coidados especiais, e traballos de índole preventiva e de axuda á vida social e relacional para a superación de situacións de crise severa.

Terceiro
O terceiro dos convenios asinados involucra, ademais de á Secretaría Xeral da Emigración e á Hermandad Gallega, ao Consorcio Galego de Igualdade e do Benestar, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Mercé a ese acordo, as tres partes garanten a continuidade da atención ao colectivo de emigrantes galegos e galegas no Centro de Día da Hermandad.

Trátase da renovación dun acordo que permite a asistencia sociosanitaria elemental para unha boa parte dos galegos e galegas residentes na capital venezolana, que quedarían desprotexidos sen o importante labor que realiza neste eido a Hermandad. O acordo achega corenta mil euros, destinados en exclusiva a paliar as necesidades socio-asistenciais máis básicas da diáspora galega no país caribeño.

Pasado mañá, en Valencia
O secretario xeral da Emigración rematará a súa estadía na República Bolivariana asinando este sábado en Valencia de Venezuela un cuarto convenio moi similar ao terceiro de Caracas, no que tamén está estampada a sinatura da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, como máxima responsable do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. A terceira sinatura corresponderá ao presidente da Hermandad Gallega de Valencia, Manuel Fajín.

Como xa fixo en Caracas, Santiago Camba aproveitará a súa viaxe por Venezuela para intensificar o contacto coas directivas locais das entidades galegas da diáspora, nun país coma este que está a sufrir de maneira moi acusada as consecuencias da crise económica, e que vive moi duros momentos de conflitividade política e violencia nas rúas.

826 lecturas