Camba asina en Brasil acordos con entidades da diáspora para necesidades asistenciais básicas ás e aos emigrantes galegos

O secretario xeral da Emigración visita Santos, Sâo Paulo, e Río de Xaneiro para coñecer as necesidades da ampla colonia galega residente nese estado brasileiro.

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, nunha foto de arquivo.
O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, nunha foto de arquivo.
Listen to this page using ReadSpeaker
23 de marzo de 2012.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, vén de asinar un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro –representada polo seu presidente, Casto Viéitez- para asistencia a necesidades socio sanitarias básicas da colectividade galega residente na cidade de Santos, no Estado de Sâo Paulo.

Esta cidade costeira é un dos enclaves con maior número de galegas e galegos emigrados nese país suramericano. Segundo o censo electoral de residentes no estranxeiro, en Brasil residen arredor de 33.000 emigrantes galegos e galegas, datos que confirman a Brasil como o terceiro país no continente americano onde máis persoas galegas residen na actualidade, tralas repúblicas de Arxentina e Venezuela.

A Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro é unha entidade sen ánimo de lucro, e a principal entidade galega en Santos. Na actualidade está a desenvolver unha importante política social asistencial orientada a mellorar e ampliar a asistencia médica en xeral e asistencia social desinteresada ás persoas da terceira idade, en situación de urxencia e necesidade, e pertencentes á colectividade galega.

Nas súas instalacións, a Sociedade xestiona ambulatorio médico, servizos de odontoloxía, oftalmoloxía e psicoloxía, entre outros, e administra un centro de día no que proporciona ás e aos emigrantes galegos actividades sociais, de ocio, culturais, e recreativas, así como asistencia mutual e de saúde.

Os destinatarios e destinatarias finais do convenio serán as persoas de orixe galega ou descendentes destas, ata o segundo grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes en Santos (Brasil), que pola súa idade, estado físico e situación de carencia, teñan problemas de autonomía persoal. A Secretaría Xeral da Emigración achegará para o financiamento dos gastos derivados do desenvolvemento das accións recollidas neste convenio un total de dez mil euros.

Resto da viaxe
Unha vez asinado o citado convenio, Santiago Camba cursou visita ao Centro Espanhol e Repatriación, presidido por Ricardo Álvarez, e sito na mesma localidade de Santos. Trátase doutra entidade senlleira no labor de mantemento das ligazóns entre a diáspora galega e española presente no Estado de Sâo Paulo.

Precisamente, o secretario xeral da Emigración trasladouse de seguido ata a capital do Estado, para unha nova visita, neste caso á Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao, que preside Mari Fe Varela na zona de Vila Monumento. Alí coñeceu de primeira man as necesidades da entidade e dalgúns dos galegos e galegas residentes na zona.

Santiago Camba rematará este periplo por terras brasileiras na xornada do sábado (xa madrugada do sábado ao domingo en Galicia) trasladándose a Río de Xaneiro. Nestoutra megalópole asinará un novo convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Sociedade Recreio dos Anciaos para Asilo da Velhice Desamparada, tamén nesta ocasión para asistencia a necesidades socio sanitarias básicas da colectividade galega residente na cidade.

Finalmente, o máximo responsable da Emigración na Administración autonómica visitará a Casa de Espanha, igualmente radicada en Río, na que asinará un convenio de colaboración coa Peña Galega desa entidade para a realización e obras de reforma que permitan un mellor servizo ás galegas e aos galegos, moitos deles de avanzada idade, vinculados a esta institución.

957 lecturas