Miranda asiste á apertura das actividades abertas da Semana Xacobea das Comunidades Galegas en Madrid
Esta iniciativa arrancou onte pola noite cun festival de danza e baile e un espectáculo visual de luz e son na emblemática praza de Colón.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto ao director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou onte pola noite nos actos organizados co gallo da Semana Xacobea 21-22 das Comunidades Galegas en Madrid, onde se puido desfrutar dun festival de danza e baile e dun espectáculo visual de luz e son na emblemática praza de Colón da capital española.
O público asistente puido gozar dos cantos das cantareiras ao ritmo das pandeiretas, dos sons dos grupos de gaita e percusión tradicionais, dos bailes dos conxuntos e das bandas de gaitas.
Participaron a Agrupación Rosalía de Castro do Centro Gallego de Madrid, a Asociación Galega “Corredor de Henares”, o Centro Gallego de Tres Cantos e a Casa Regional Gallega de Fuenlabrada, así como o Centro Gallego del Noroeste de Villalba e a Banda de Gaitas Lume de Biqueira da asociación Albedro.
A maiores, durante toda a fin de semana, ás dez da noite, sobre a fachada do Monumento ao Descubrimento da Praza de Colón, proxectouse, como pano de fondo, un espectáculo visual titulado A Luz do Xacobeo, que recolle a beleza verde de Galicia e do Camiño de Santiago, cunha proxección de imaxes emblemáticas desta viaxe.
A galeguidade en Madrid está composta por unhas duascentas mil persoas, tanto de primeira como de segunda xeración, e nestas actividades participan o Centro Gallego de Madrid, FAGAMA (Federación de Asociaciones Gallegas en Madrid), Enxebre Orden da Vieira, Amigos de la Cultura Celta, Asociación Albedro, Club de Periodistas Gallegos en Madrid, ASOMEGA (Asociación de Médicos Gallegos en Madrid), IURISGAMA (Asociación de Juristas Gallegos en Madrid) e ATACAMA (Asociación de Taxistas Gallegos en Madrid).
Os actos continuarán esta semana, esta tarde coa presentación do libro Un camino de cine Xacobeo no Centro Gallego de Madrid ás 19 horas, así como o ciclo de cine xacobeo que comezará ao remate desta conferencia coa proxección do filme The Way. O martes 22 poderase ver ás 20 horas Tres en el camino e o mércores 23, Al final del Camino. Tamén se realizarán no mesmo lugar ao longo da semana diversos obradoiros con actividades que permitirán a difusión do Camiño de Santiago e a cultura galega coma contacontos, decoración de vieiras, varas de peregrinaxe, conxuros para as e os camiñantes... o xoves haberá unha ofrenda floral a Emilia Pardo Bazán na igrexa da Concepción ás 10 da mañá e o venres presentarase no Centro Gallego de Madrid ás 20 horas o libro Temperando, la gaita gallega y su mundo.
Novas relacionadas