A Xunta amplía ata o 3 de outubro o prazo para que a mocidade galega do exterior solicite as bolsas Retorna Talento FP

Convócanse 108 axudas, en dúas modalidades, dirixidas a facilitar que estes rapaces e rapazas melloren a súa cualificación e poidan volver á súa terra de orixe.

Por primeira vez ofértanse 60 prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral das e dos titulados.

O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa, que se enmarca na Estratexia Galicia Retorna.

O prazo de solicitude das bolsas de FP Retorna Talento estará aberto ata o 3 de outubro
O prazo de solicitude das bolsas de FP Retorna Talento estará aberto ata o 3 de outubro
Bolsas Retorna Talento FP
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023.

A Xunta vén de ampliar ata o día 3 de outubro o prazo para que a mocidade do exterior poida solicitar algunha das 108 bolsas Retorna Talento FP co fin de realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe. 

Os trámites deberán facerse a través da aplicación  informática Ciclosadmisión. Os requirimentos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia e son, con carácter xeral, non ter gozado destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 40 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.

Por primeira vez ofértanse neste marco prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral dos titulados.
O Goberno galego destina case 1M€ a esta iniciativa, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna coa que o Goberno galego quere promover o retorno de 30.000 galegos que viven fóra da comunidade ata 2026.

Dúas modalidades
A convocatoria divídese en dúas categorías, en función do tipo de estudos que se ofertan. Así, a Modalidade A contempla 48 bolsas para estudar Programas específicos básicos de FP durante o curso 2023/24. Neste caso a bolsa é de 6.500€ por alumno ou alumna e a relación de programas formativos ofertados, a razón de 16 prazas cada un, é a seguinte:

Concello Centro Programa formativo de formación específica básica
A Coruña CIFP Someso Albanelaría e fontanería
Culleredo CIFP Universidade Laboral Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios 
Ferrol CIFP Ferrolterra Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios

 

Pola súa banda, a Modalidade B inclúe un total de 60 prazas para cursar cinco ciclos de Formación Profesional Dual nos cursos 2023/24 e 2024/25, cunha bolsa de 10.800€ por estudante. As e os alumnos poderán formarse en carpintería, hostalería, coidados, construción ou instalacións térmicas e de fluídos nos cursos que ofertarán cinco centros -Universidade Laboral (Culleredo), Someso (A Coruña), Ferrolterra (Ferrol), IES A Chapela (Redondela) e o CIFP de Vilamarín- e nos que participarán 25 empresas de toda Galicia. Neste caso, durante o primeiro curso poderán realizar unha parte da formación a distancia, pero a formación práctica nas empresas será sempre presencial, ao igual que todo o segundo curso.

Os ciclos ofertados son os reflectidos na seguinte táboa:

Concello Centro Ciclo de FP Dual
Ferrol CIFP Ferrolterra Ciclo superior de Deseño e amoblamento 
A Coruña CIFP Someso Ciclo superior de Proxectos de edificación
Culleredo CIFP Universidade Laboral Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos 
Vilamarín CIFP de Vilamarín Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos 
Redondela IES de Chapela Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia

 

446 lecturas