Rueda destaca que a Oficina móbil de atención a emigrantes permite achegar información e asesoramento sobre o retorno a calquera punto da comunidade

Resalta que complementa as oficinas con sede física da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.

Salienta que o obxectivo é permitir que os cidadáns do rural que teñen dificultades para desprazarse á cidade tamén poidan beneficiarse deste servizo.

Subliña o dereito de apoiar aos retornados para axudalos a integrarse e “sentirse a gusto na súa terra desde o primeiro día”.

Lembra que as xeracións de galegos que tiveron que emigrar axudaron “a construír a Galicia de oportunidades” de hoxe en día.

  • O presidente da Xunta visitou este servizo durante a súa estancia no concello de Chantada
    O presidente da Xunta visitou este servizo durante a súa estancia no concello de Chantada
  • O presidente da Xunta visitou este servizo durante a súa estancia no concello de Chantada
    O presidente da Xunta visitou este servizo durante a súa estancia no concello de Chantada
  • O presidente da Xunta visitou este servizo durante a súa estancia no concello de Chantada
    O presidente da Xunta visitou este servizo durante a súa estancia no concello de Chantada
Listen to this page using ReadSpeaker
Chantada (Lugo), 22 de xaneiro de 2024.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Oficina móbil de atención a emigrantes retornados permite achegar información e asesoramento sobre o retorno a calquera punto da comunidade. “Retornar é un dereito pero somos conscientes de que non é fácil e que se precisa apoio despois de tomar esta decisión valente para poder integrarse e sentirse a gusto desde o primeiro día na que sempre foi a súa terra”, indicou Rueda.

Durante unha visita á oficina móbil ao seu paso polo concello de Chantada (Lugo), Rueda salientou que o obxectivo desta iniciativa é garantir que ningún retornado quede sen apoio por ter dificultades para desprazarse ata a cidade. Deste xeito, a Oficina percorre o rural galego para resolver calquera tipo de dúbida sobre trámites, cuestións tributarias, sobre o sistema educativo ou a vivenda así como para ofrecer asesoramento e orientación laboral personalizada. Un servizo que vén completar o que xa ofrecen as sedes físicas da oficina en Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense.

Rueda resaltou que favorecer o retorno é clave para o futuro de Galicia xa que mais aló do dereito que teñen os galegos no exterior a regresar a súa terra, este colectivo é fundamental para afrontar o reto demográfico e seguir facendo da comunidade unha terra de oportunidades, cada vez máis competitiva. Nesta liña, instou a non esquecer que “moitos dos antepasados dos que agora retornan” e que no seu día tiveron que emigrar sen “deixar nunca de sentirse galegos” son os que “axudaron a construír a Galicia das oportunidades” que temos hoxe en día.

240 lecturas