Galicia pon en marcha unha Oficina Móbil de Atención a Emigrantes Retornados para achegar o asesoramento integral ao rural

A Secretaría Xeral da Emigración destinará 250.000 euros á posta en marcha deste servizo que achegará a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno aos concellos con maior número de retornados. 

O obxectivo é poder chegar a todas aquelas familias que o precisen e que presentan dificultades para achegarse a unha das cinco sedes físicas desta Oficina nas catro provincias galegas. 

Dende a posta en marcha deste servizo, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna, atendéronse a máis de 16.000 familias e respondéronse máis de 60.000 consultas.

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023.

O Consello da Xunta informou hoxe sobre a contratación, polo procedemento aberto, dun servizo para o desenvolvemento do programa Oficina Móbil de Atención ás persoas emigrantes retornadas, cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027.

A comezos de 2020 a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, abriu as portas da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno dentro da Estratexia Galicia Retorna. Constituíuse así unha oficina que realiza unha labor de acompañamento integral aos retornados e as súas familias durante o proceso de chegada e co obxectivo da súa integración efectiva na nosa sociedade. Conta con cinco sedes físicas, en A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. 

Durante este tempo, comprobouse que as persoas que residen en zonas rurais non solicitan tanto este recurso por diversas razóns, como poden ser as dificultades no acceso ao transporte, as súas limitacións económicas ou a súa avanzada idade. Para paliar esta situación, ponse en marcha este programa que contará cunha oficina itinerante que achegará os servizos de apoio social, laboral e fiscal aos posibles demandantes, especialmente nos concellos do rural cun maior número de retornados. 

As persoas atendidas contarán así cunha oficina dotada de medios materiais e profesionais que lles achegarán este servizo ata o seu concello. A contía do programa é de 250.000 euros e a súa duración inicial será de sete meses.

Dende a posta en marcha da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno atendéronse xa a máis de 16.000 familias, e respondéronse máis de 60.000 consultas realizadas tanto persoal como telefónica como telematicamente.
 

222 lecturas