Rodríguez Miranda recorda que ata o 29 de setembro continúa aberto o prazo para solicitar as Axudas Extraordinarias ao Retorno

O secretario xeral da Emigración, acompañado do delegado territorial Gonzalo Trenor, visitou hoxe a sede da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada na cidade herculina, onde tamén destacou a ampliación das e dos técnicos destinados a apoiar os eidos laboral, social, fiscal e xurídico das galegas e galegos retornados.

Das 60.000 consultas realizadas nas 5 sedes da comunidade desde a apertura da oficina no ano 2020, a sede da Coruña acadou as 17.400.

Miranda e Trenor, esta mañá, na Oficina do retorno da Coruña
Miranda e Trenor, esta mañá, na Oficina do retorno da Coruña
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 29 de agosto de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a sede da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada no edificio administrativo da Xunta, onde lembrou que, ata o 29 de setembro, continúa aberto o prazo para solicitar as Axudas Extraordinarias ao Retorno

O secretario xeral quixo aproveitar a visita, entre outras cuestións, para pór en valor estas axudas económicas, que teñen como obxectivo contribuír na integración das e dos galegos retornados cun importe económico que pode acadar os 6.000 euros dependendo do número de persoas que conformen a unidade familiar. 

Durante a visita, na que tivo oportunidade de falar con usuarias e usuarios e traballadores, Miranda tamén quixo destacar o reforzo desta oficina que, desde a súa apertura no ano 2020, acadou 17.400 consultas. “Acabamos de duplicar o número de técnicos e, concretamente, nesta sede da Coruña son dous técnicos laborais os que se incorporan para reforzar o apoio e asesoramento na busca de emprego, un dos servizos máis empregados e demandados”, indicou.

Esta oficina está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e conta con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos e galegas do exterior de cara a favorecer e acompañar durante o proceso de retorno a Galicia. Entre as súas tarefas atópanse axudas nos trámites burocráticos, cuestións relacionadas coa educación, formación e traballo e, recentemente, con asistencia básica sobre fiscalidade. 

320 lecturas