A Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno en Santiago atendeu a case 4.100 familias para facilitar a integración das e dos galegos retornados na súa contorna

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a oficina situada no edificio Xera, que conta con persoal especializado para acompañar persoalmente aos galegos e galegas do exterior en todo o seu proceso de retorno.

Dende a súa creación, as cinco oficinas integrais de Retorno de Galicia atenderon preto de 30.000 consultas de todo tipo, dende económicas ata escolarización de menores, emprego ou autorización de residencia.

Imaxe da visita, esta mañá, do secretario xeral da Emigración á Oficina do Retorno da capital de Galicia
Imaxe da visita, esta mañá, do secretario xeral da Emigración á Oficina do Retorno da capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno de Santiago de Compostela, situada no edificio Xera, na avenida Fernando de Casas Novoa, comprobando o labor realizado ao longo destes meses para acompañar e axudar aos galegos e galegas do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.  

Esta oficina, xunto ás situadas en Ourense, Vigo, A Coruña e Lugo, están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos e galegas do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar ás e aos galegos retornados e ás e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como asesoran sobre os temas relacionados con educación, formación, laboral e social e, mesmo no caso das e dos familiares con outra nacionalidade, tamén orientan no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial como telemático.

Dende a súa posta en marcha, en febreiro de 2020, as oficinas integrais das catro provincias asesoraron a un total de 8.153 persoas, acompañándoas na súa integración en Galicia e informándolles sobre as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións. 

Así, en total, realizáronse 29.292 consultas, das que 3.213 estaban relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); 13.519 tiveron que ver con temas sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; 6.630 tiñan que ver con temas laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego e, finalmente, 3.831 cuestións tiñan relación con outros trámites. 

A oficina situada en Santiago de Compostela respondeu cuestións tanto presenciais como telefónicas de case 4.100 persoas e resolveu un total de  11.863 consultas, das que 2.104 foron cuestións educativas, 5.244 sociais e 2.816 laborais.

A posta en marcha destas oficinas formou parte da anterior Estratexia Galicia Retorna do Goberno galego, que contou cun orzamento global de preto de 500 millóns. Nestes intres, tal e como destacou Rodríguez Miranda, “estamos xa a traballar na nova Estratexia que se porá en marcha este mesmo ano e que permitirá continuar a acompañar persoalmente aos galegos do exterior en todo o proceso de retorno”.  

  • Audio: Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración | Descargar

307 lecturas