Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas para o ano 2023

Listen to this page using ReadSpeaker
1834 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 23 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se convocan para o ano 2023
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
10.04.2023
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto:
A Secretaría Xeral da Emigración convoca axudas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan de recursos suficientes para o ano 2023.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.
b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.
c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Requisitos:

  • Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar.
  • Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  • Que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2021, incluído.
  • Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar.
    Considérase para estes efectos que son suficientes cando a suma da media dos ingresos que perciba cada membro da unidade familiar, nos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude, dividido entre o número de persoas que a integren, superen o importe do IPREM mensual (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) vixente na data da solicitude. Para o ano 2023, este importe fíxase en 600,00 €.
  • Carecer de patrimonio mobiliario suficiente na unidade familiar.
    Entenderase como patrimonio mobiliario suficiente cando o valor dos bens mobles de todas as persoas da unidade familiar, na data de presentación da solicitude, supere o límite de 20.000 € cando a unidade familiar estea formada por unha persoa, incrementado se é o caso en 5.000 € adicionais, por cada un/unha dos/as restantes membros da unidade familiar.

2. Quedan excluídas destas axudas tanto as persoas que solicitasen a axuda e  resultasen beneficiarias dela nas dúas convocatorias anteriores, como o resto das persoas que formasen parte da súa unidade familiar no momento de solicitar a axuda, en virtude das seguintes resolucións:

  • Resolución do 3 de febreiro de 2021 (DOG núm. 32, do 17 de febreiro de 2021).
  • Resolución do 15 de marzo de 2022 (DOG núm. 61, do 29 de marzo de 2022).

Quedan excluídas destas axudas as persoas que solicitasen a axuda e formen parte dunha unidade familiar na que unha das persoas integrantes xa resultou beneficiaria ao abeiro da presente convocatoria.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica

 

Outra documentación para descargar:

Forma e lugar de presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
29.09.2023