Rodríguez Miranda lembrou que "a plena integración non significa renunciar ás raíces"
O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia participou no 25º aniversario da AEGU.
Na segunda xornada da súa viaxe a Arxentina e Uruguai, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, entregou as compostelas (acreditacións oficiais de ter realizado o Camiño de Santiago) -as mozas e aos mozos galegos de Uruguai participantes na edición de 2014 do programa 'Conecta con Galicia', da Secretaría.
Durante o acto, que tivo lugar no Centro Ourensán de Montevideo e contou coa presenza de numerosas e numerosos familiares das e dos rapaces, fíxose entrega dunha placa de recoñecemento a Ismael Martínez, a persoa encargada nos últimos anos da divulgación e difusión dende a Casa de Galicia de Montevideo dos programas do departamento que dirixe Rodríguez Miranda.
25 anos de AEGU
Xa ao atardecer, o máximo responsable autonómico en materia de Emigración acudiu, en representación do presidente a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao evento de celebración dos 25 anos da Asociación de Empresarios de Galicia no Uruguai (AEGU), que combinou de xeito equilibrado o aspecto lúdico e festivo coa rigorosidade que esixe un acto de tal relevancia económica, social e mesmo política en Uruguai.
A celebración tivo como colofón a exhibición dunha colección de instantáneas que repasan a historia da institución, e tamén o visionado dun saúda audiovisual realizado para a ocasión polo presidente Feijóo, no que animaba á colectividade galega nese país a avanzar xunta na consecución de obxectivos cada vez máis ambiciosos.
Durante a súa intervención ante as persoas presentes, Rodríguez Miranda agradeceu o traballo levado a cabo, e as perspectivas de futuro de AEGU, e recordou que "para chegar a este punto fixo falta o esforzo e sacrificio de moitos dos presentes nesta gala, pero tamén de moitos que hoxe xa non están connosco", alusión que foi recibida con especial aprobación polo auditorio, composto por empresarias e empresarios galegos pero tamén españois e españolas en xeral, e moitos moitas con orixe propiamente uruguaia.
Acoller e ser acollidos e acollidas
Miranda recordou que o presente e o pasado de Galicia "están marcados polo Camiño de Santiago, vela fundamental no corpo de Europa e da Cristiandade, que nos ensinou a recibir a todos os pobos do mundo. Así, estaba no noso ADN a capacidade para aproveitar o mellor de cada cultura e asumila, de acoller e ser acollidos, como sen dúbida o foron de xeito case exemplar a maioría dos nosos paisanos neste país irmán que é o Uruguai".
O secretario xeral tamén dixo que "esa plena integración non significa renunciar ás raíces, senón traballar arreo polo ben do país de acollida, como fai AEGU, e ao tempo recordar o lugar de orixe e axudar, na medida do posible, ao seu desenvolvemento mesmo na distancia". A tal respecto, asegurou Miranda, "AEGU realiza un traballo exemplar do que hoxe celebramos unha data especial. Pero estou seguro de que non será a última que celebre forte, unida, e con garantías de futuro. E toda a Galeguidade, do mesmo xeito que a Administración autonómica galega, o celebra e se sente satisfeita e orgullosa do voso labor" afirmou.
Fonte e foto: Crónicas de la Emigración
Novas relacionadas