Miranda participa na reunión de valoración do “Bos Aires celebra Galicia”, e acude á celebración dos 25 anos de AEGU

O secretario xeral da Emigración realizará ademais unha visita oficial á municipalidade de Campana, onde se atopa o primeiro coche realizado integramente en Arxentina, obra dun emigrante galego.

Miranda entregará asemade en Uruguai as ‘compostelas’ aos rapaces e rapazas participantes no programa ‘Conecta con Galicia’.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, leva a cabo esta semana unha nova viaxe institucional ás repúblicas de Arxentina e Uruguai, que acollen conxuntamente case a metade da diáspora galega residente no Exterior.

Na capital arxentina, o secretario xeral reunirase en primeiro termo con Claudio Avruj, subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, para realizaren una valoración conxunta da primeira edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’. Este evento, que tivo lugar nas Praza e Avenida de Maio en setembro pasado, organizado conxuntamente polas entidades galegas no país –canda outras de Chile e Uruguai-, supuxo un importantísimo éxito de público, servindo de escaparate da Galicia actual en todo o mundo, e moi nomeadamente para os milleiros de veciñas e veciños bonaerenses.

Trala entrevista con Avruj, Miranda trasladará esa valoración ás preto de cen persoas de entre as que participaron na organización do evento, e transmitiralles os parabéns do Goberno e pobo galegos pola iniciativa. Ademais, transmitiralles o feito de que, á luz do éxito acadado, o Goberno da Cidade de Bos Aires xa ten exposto ao galego a plena disposición a repetilo.

Ademais destas dúas citas na capital, Miranda desprazarase ata a Municipalidade de Campana, o lugar onde se atopa o primeiro coche fabricado integramente en Arxentina, que aínda funciona –de feito converteuse nunha das estrelas do Bos Aires celebra Galicia- e que foi obra do emigrante galego Manuel Iglesias, a quen se ten dedicado o museo da cidade.

En Uruguai
O secretario xeral da Emigración cambiará despois de beira no Río da Prata para achegarse ata Montevideo, onde en primeiro lugar presidirá, no Centro Ourensán, a entrega das ‘compostelas’ (certificacións acreditativas de ter realizado o Camiño de Santiago) ao medio centenar de rapazas e rapaces uruguaios participantes na edición 2014 do programa ‘Conecta con Galicia’, que cada ano organiza a Secretaría Xeral da Emigración.

E aínda na capital charrúa, Miranda acudirá á celebración do 25 aniversario da Asociación de Empresarios Galegos no Uruguai (AEGU), que se celebra este venres á noite na Cámara de Industria, onde irá en representación de todo o Goberno e pobo galegos, e nomeadamente do Presidente Feijóo, que non pode estar presente, pero de quen se emitirá un saúda a todas e tódolos presentes en formato audiovisual.

AEGU é unha entidade, fundada en 1989, que engloba a pequenos e medianos empresarios e profesionais emigrantes galegos e galegas. O máis relevante desde o nacemento de AEGU foi a posibilidade de que tamén puideran ter os mesmos dereitos os descendentes de cidadás ou cidadáns galegos, e mesmo quen non o é poida participar como persoa asociada, aínda que sen dereito a integrar directivas. Foi a promotora de encontros empresariais internacionais, e entre os seus obxectivos sitúase o de consolidar e mesmo reforzar o seu papel de motor de negocios entre Galicia e Uruguai, aproveitando as múltiplas sinerxias que ofrece a historia común entre ambos pobos.

955 lecturas