Tras participar desde Bos Aires na celebración conxunta da diáspora galega de todo o mundo, Miranda viaxa a Uruguai para axudar a materializar o camiño cara unha posible unión, anunciado por 13 entidades

Ademais de ao acto conxunto na honra de Rosalía de Castro, o secretario xeral da Emigración asistirá na Arxentina á entrega das ‘compostelas’ aos primeiros rapaces e rapazas participantes no programa ‘Conecta con Galicia’ e á conferencia do deán da catedral de Santiago sobre o Códice Calixtino, entre outras actividades.

En Montevideo visitará varias comunidades galegas por primeira vez, fará entrega de doazón de libros na Escuela 163ª Galicia e no Padroado da Cultura Galega, e reunirase cos presidentes das comunidades que inician o camiño cara unha posible unión.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visita desde hoxe e ata este mércores as repúblicas Arxentina e Oriental do Uruguai, nunha viaxe marcada pola primeira celebración conxunta e simultánea da diáspora –na que participará desde a sede de Olivos do Centro Galicia de Bos Aires-, e polo recente anuncio de trece das comunidades galegas presentes neste último país de iniciar o camiño da unión, novidade feita pública na xuntanza da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas en Santiago ante o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Así, Miranda comeza hoxe domingo o seu percorrido en Bos Aires, onde dirixe a videoconferencia de conexión coa Cidade da Cultura, en Compostela, acompañado polo presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Francisco Lores, polo presidente da Federación Unión de Asociacións Galegas da República Arxentina, Juan Rodríguez Santomé, e polo presidente do Centro Galicia, Agustín Diz, entre outras personalidades presentes no primeiro grande evento simultáneo da diáspora galega, no 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, e no mesmo día -24 de novembro- en que se publicaba o primeiro poema en galego de Rosalía de Castro, "Adiós ríos, adiós fontes".

Antes desa histórica conexión simultánea de toda a diáspora, Miranda visitará as propias instalacións do Centro Galicia en Olivos e, despois da proxección do documental Rosalía de Castro: Sombras sen sombra, desprazarase ata o Centro Partido de Carballiño, en Vicente López, onde terá lugar a celebración do 95 aniversario da entidade.

De seguido, a primeira hora da tarde, o máximo responsable galego en materia de Emigración cursará visita á comunidade galega de Hijos de Arentey y Centro Villamarín Perojano Mutual, Cultural y Recreativa, dentro desta xira entre algunhas das entidades da diáspora en Bos Aires que aínda non puido coñecer persoalmente. Alí, ademais de percorrer as instalacións e reunirse coa xunta directiva, tomará parte nunha actividade de ‘contacontos‘, dirixida ás e aos máis cativos, para fomentar neles o coñecemento e uso da nosa lingua.

Uruguai
Xa na xornada de mañá luns –festivo na Arxentina-, Rodríguez Miranda trasladarase ata a outra beira do Río da Prata, para axudar a materializar o camiño cara un posible e necesario proceso de unión entre trece entidades galegas con presenza na República Oriental do Uruguai, proceso que foi anunciado en Santiago na recente xuntanza da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas ante o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por parte dos membro da Comisión representantes do Centro Galego de Montevideo e da Casa de Galicia da capital uruguaia.

A axenda de Miranda comezará con unha visita ás instalacións, e posterior xuntanza coa directiva, da Escuela 163ª en Prado Sur, que leva por nome Galicia, inserida nun humilde barrio da capital, e na que realizará, en representación da Xunta, unha doazón de libros escritos en lingua galega.

Acto seguido, trasladarase ata o Hogar Español, e posteriormente manterá unha xuntanza de traballo con tódolos presidentes e representantes das comunidades galegas con presenza na capital uruguaia.

Xa a primeira hora da tarde, continúa percorrido polo Centro Ourensán, e despois polo Padroado da Cultura Galega, ao que fará entrega de coleccións de publicacións de contos en galego. A tarde de domingo de Miranda en Montevideo rematará con cadansúa visita á Federación de Asociación Galegas do Uruguai, e á Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos.

De volta na Arxentina
O secretario xeral da Emigración volverá a Bos Aires o martes para, en primeiro termo, cursar visita á Federación de Sociedades Galegas na República Arxentina, e despois á Asociación Civil Centro Galego de Xubilados e Pensionados da República Arxentina, en Avellaneda, localidade bonaerense cunha importante colonia de galegos.

Xa á tardiña, e de volta no centro da capital arxentina, Miranda asistirá no Club Español á conferencia O Códice Calixtino, unha historia viva, que pronuncia o deán da catedral de Santiago, Segundo Pérez. No Club terá oportunidade de visitar a mostra fotográfica sobre a basílica compostelá alí instalada.

Inmediatamente despois, e no mesmo lugar, terá lugar a entrega das ‘compostelas’ (acreditación oficial de ter realizado o Camiño de Santiago) ás rapazas e aos rapaces participantes no programa Conecta con Galicia, da propia Secretaría Xeral da Emigración. Precisamente, nunha das xornadas deste programa o pasado verán –ao paso dos rapaces e as rapazas polo mosteiro de Oseira, concretamente- participou na actividade canda elas e eles o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Xa a última hora da tarde, Miranda visitará Ribadumia Casa Galega de Cultura en Bos Aires Asociación Civil, onde saudará ás e aos participantes nas xornadas de comercio internacional organizadas na entidade. Alí, o secretario xeral insistirá na súa mensaxe xa coñecida da boa oportunidade que supón Galicia para o investimento estranxeiro, pola proximidade cultural e lingüística, pero tamén pola excelencia internacionalmente recoñecida dos seus produtos.

1074 lecturas