As redes sociais de Emigración superan os sete mil seguidores e seguidoras en todo o mundo

GaliciaAberta.com en ‘Facebook’ ten pasado o listón dos 5.000 adheridos e adheridas, e son xa máis de 2.000 as e os que seguen a @galiciaaberta en ‘Twitter’.

Estas mallas de ámbito mundial permiten á Administración galega contactar directamente coa cidadanía galega residente no Exterior.

A República Arxentina, e especialmente a súa capital, é o lugar de residencia da maioría das e dos seguidores de Emigración a través de internet e dispositivos móbiles.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2013.

O número de persoas usuarias agregadas á páxina da Secretaría Xeral da Emigración na rede creada por Mark Zuckerberg ten subido ata as 5.109, e as que seguen as publicacións da malla dos 140 caracteres chegou ata as 2.046, segundo os datos obtidos hoxe mesmo.

Cabe salientar que, desde o momento da súa creación xa no ano 2010, o perfil do portal GaliciaAberta - http://emigracion.xunta.es en Facebook e Twitter medraron de maneira ininterrompida; así, a finais do ano pasado superaba as e os tres mil seguidores e seguidoras na primeira das redes, e case chegaba aos mil no caso da segunda, e desde entón aumenta día a día o número de usuarios e usuarias.

A inmensa maioría das e dos que deciden seguir os perfís de Emigración son galegas e galegos residentes no Exterior que desexan estaren informados das novidades referidas á Galicia territorial, á actualidade e actividade dos centros galegos e casas de Galicia espallados por todo o planeta, e ás axudas e iniciativas postas en marcha desde a propia Secretaría, eixos fundamentais da información que ofrece GaliciaAberta - http://emigracion.xunta.es  nestas dúas redes.

A presenza nestas mallas mundiais serve de conexión (fundamentalmente a través dos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles) cos galegos e as galegas da diáspora para lles ofrecer, en tempo real e nas mellores condicións posibles, as novas de relevancia do portal web, sempre relacionadas coa actualidade da diáspora galega.

Con estes datos na man, o portal web GaliciaAberta (http://emigracion.xunta.es) está a demostrar a utilidade do seu funcionamento, e o cumprimento dos obxectivos para o que foi creado, pois amosa a importante necesidade de información on line que demanda a diáspora, e serve de canle inmediata de difusión das medidas do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda.

Datos en Facebook
O crecemento do perfil da Secretaría de xullo de 2012 a xullo de 2013 foi do 41’63 %, e o alcance medio das publicacións diarias chega ata os 1.514 usuarios e usuarias, o que converte esta rede social nun altofalante de excepcional utilidade para achegar a Administración autonómica aos galegos e as galegas da diáspora.

O número diario de likes (‘Gústames’) nos dous últimos meses acadou os 47 por día, e o de comentarios foi de 5, unha media moi alta tendo en conta os datos habituais da rede no que atinxe a páxinas institucionais.

A relación de xénero revela que hai 6 mulleres por cada 4 homes conectados; asemade, as mulleres amósanse máis activas, con case dúas de cada tres interactuacións. E, como dato curioso, a hora de maior actividade é ás 23.00 horas (+1 GMT), once da noite na Galicia territorial pero media tarde na América Latina, o que fala ás claras da importancia desta rede para as e os galegos residentes no Novo Continente.

Hai outro dato tamén ben interesante e a destacar, a relación por tramos de idade. Contra o que se puidera supoñer a priori, cómpre salientar a equidade entre as franxas medianas e os máis novos; así, hai un 20’9 % de usuarias e usuarios maiores de 55 anos; un 21’4 % de 45 a 54; outro 21’1 % de 35 a 44; un 20’9 de 25 a 34; e finalmente, só un 15’6 % son menores de 24 anos. Sen dúbida, unha referencia inequívoca da actividade e modernidade das e dos nosos maiores no Exterior, e das súas inquedanzas por se manteren informados sobre o que acontece en toda a diáspora, e na Galicia territorial.

Case medio centenar de países
Respecto dos países desde os que se conectan  as e os usuarios de GaliciaAberta.com no Facebook, o 31’9 % son residentes na República Arxentina, o 31 en España, o 9’9 no Uruguai, o 6 en Brasil, e o 4’3 en Venezuela. Seguen despois Suíza, Estados Unidos, México, Alemaña, Chile, e Portugal, e xa por baixo do 1 por cento hai 34 países máis, con casos tan exóticos como Taiwán, Serbia, Paquistán, Montenegro ou Exipto.

Canto ás cidades, o 18’7 % conéctase desde o Distrito Federal de Bos Aires, o 8’7 desde Montevideo, o 4’1 desde A Coruña, o 3’2 desde Vigo, o 3 desde Santiago de Compostela, o 2’3 desde Caracas, e o 2 desde Madrid. Con máis dun 1 por cento atópanse tamén Barcelona, México D.F., Río de Xaneiro, Pontevedra, Mar del Plata, Ourense e Sâo Paulo, pero rexistráronse o ano pasado máis de 10 conectados e conectadas en lugares como Curitiba (Brasil), e case 30 desde Maracaibo (Venezuela) ou Quilmes (Arxentina).

En Twitter
Se ben o número de followers nestoutra rede é menor ca en Facebook, o seu crecemento foi case exponencial nos últimos meses, preto dun 86 por cento entre xullo de 2012 e o mesmo mes de 2013. Cabe salientar o elevado número de seguidores e seguidoras de Venezuela (onde esta rede é moi popular) e Brasil, a diferenza de Arxentina e Uruguai onde aínda non está tan estendida entre a poboación xeral.

O perfil das persoas usuarias é de xente máis ben nova –a media de idade é bastante máis reducida ca no caso do Facebook-, o que permite que a Secretaría Xeral da Emigración entre en contacto, a través dun medio especialmente empregado pola mocidade, cos galegos e as galegas de segunda e terceira xeración.

908 lecturas