O portal web de Emigración superou o medio millón de páxinas vistas en 2014, e as súas redes sociais acadaron os dez mil seguidores e seguidoras

GaliciaAberta.com en Facebook ten 7.144 adheridos e adheridas, e son xa case 3.000 as e os que seguen a @galiciaaberta en Twitter.

Estas mallas de ámbito mundial permiten á Administración galega contactar directamente cos galegos e galegas residentes no Exterior.

Tras España, a República Arxentina -e especialmente a súa capital- é o lugar de residencia da maioría das e dos seguidores de Emigración a través de internet e dispositivos móbiles.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2015.

Un total de 546.150 páxinas do portal web da Secretaría Xeral da Emigración [http://emigracion.xunta.es] foron visualizadas durante o ano 2014, mediante 176.030 visitas que corresponden a 113.514 usuarias e usuarios únicos.

Así, o escaparate virtual do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda recibiu 482 visitas diarias por parte de 311 usuarios únicos, cun volume de páxinas diarias vistas de 1.496. A duración media da visita das e dos navegantes na rede foi de tres minutos e vinte e nove segundos.

Por país de procedencia destas visitas, 91.182 (o 51’80 por cento) eran internautas con residencia en España, 40.325 (o 22’91%) na Arxentina, 11.194 (o 6’36%) no Uruguai, 5.038 (o 2’86%) en Venezuela, 4.890 (o 2’78%) en Brasil, e 3.658 (o 2’08%) nos Estados Unidos. Seguen na listaxe, xa con menos do dous por cento dos usuarios e usuarias totais, Suíza, Alemaña, México, Reino Unido, Chile, Perú, Francia, Cuba e Colombia.

Redes sociais
O número de usarias e usuarios agregados á páxina da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook tense incrementado ata os 7.144, e a cifra das e dos que seguen as publicacións en Twitter chegou ata os 2.938, segundo os datos obtidos esta mesma semana.

Cabe salientar que, desde o momento da súa creación no ano 2010, o perfil do portal GaliciaAberta en ambas mallas medrou de maneira ininterrompida. A inmensa maioría das e dos que deciden seguir a actualidade do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda a través da web e redes sociais son galegas e galegos residentes no Exterior que desexan estaren informados das novidades referidas á Galicia territorial, á actualidade e actividade dos centros galegos e casas de Galicia espallados por todo o planeta, e ás axudas e iniciativas postas en marcha desde a propia Secretaría, eixos fundamentais da información que ofrece GaliciaAberta en internet.

A presenza nestas redes mundiais serve de conexión (fundamentalmente a través dos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles) cos galegos e as galegas da diáspora para lles ofrecer, en tempo real e nas mellores condicións posibles, as novas de relevancia do seu interese, sempre relacionadas coa actualidade da Galicia territorial e Exterior.

26% máis en Facebook
O crecemento do perfil da Secretaría Xeral da Emigración na rede creada por Mark Zuckerberg foi do 25’97% no último ano, ata acadar os 7.100 seguidores e seguidoras, un 40% máis que o perfil da seguinte institución homóloga en España dedicada á diáspora. O número de persoas que cada día viron calquera contido asociado coa páxina foi de 993, cunha media de 41 interaccións ('gústames', comentarios e compartidos), cifra moi superior á do común das páxinas institucionais.

Cómpre salientar que, malia o carácter xeral ‘masculino’ de Facebook (46 mulleres por cada 54 homes), no caso do perfil de Emigración o usuario tipo é maioritariamente feminino: 59 fronte a 41.

Respecto dos países desde os que se conectan os usuarios e usuarias de GaliciaAberta.com no Facebook, o 31’7% son residentes en España, o 28’7% en Arxentina, o 8’5% no Uruguai, o 5’9% en Brasil, o 4’6% en Suíza, e o 3’8% en Venezuela. Seguen despois Estados Unidos, México, Reino Unido, Alemaña, Portugal, e Chile.

Canto ás cidades, o 16’3% conéctase desde o Distrito Federal de Bos Aires, e o 7’3% desde Montevideo, sendo con diferenza as cidades con maior número de usuarios. Seguen despois A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Madrid, Caracas, México D.F., Barcelona, e Pontevedra, todas elas con máis de 100 seguidores e seguidoras.

30% máis en Twitter
Se ben o número de followers nestoutra rede é menor ca en Facebook, o seu crecemento foi moi destacado nos últimos doce meses, un 29’88%, ata acadar os 2.938 seguidores e seguidoras, un 55% superior á seguinte institución homóloga ligada á Emigración. Os chíos do perfil de Emigración teñen unha media de 40.405 impresións (visións en pantalla) por mes. Máis da metade dos usuarios e usuarias son residentes en España, se ben cabe salientar o número destacado de seguidores e seguidoras de Arxentina e Venezuela.

568 lecturas