GaliciaAberta incrementou en 2020 o seu número de usuarias e usuarios ata superar os 276.000
O portal web da Secretaría Xeral da Emigración recibiu o ano pasado preto de 401.100 visitas, o que supón un 5% máis ca no exercicio anterior.
As redes sociais do departamento do Goberno galego suman case 38.000 seguidoras e seguidores en todo o mundo, o que supón un incremento de preto do 25% respecto ao 2019, destacando Instagram, con máis dun 50% de crecemento.
O portal de retorno sumou 43.560 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e aos seus e as súas descendentes na procura de facilitar a volta á casa.
GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración, incrementou de xeito significativo o seu número de usuarias e usuarios durante o último ano, ata superar os 276.000 en todo o 2020. Así o amosan as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que as e os internautas realizaron algo máis de 401.000 visitas á páxina http://emigracion.xunta.gal, un 5% máis das rexistradas en 2019.
Neste marco, cómpre salientar que os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta foron os relativos ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (máis de 57.000 visitas), e ás diferentes liñas de axuda (máis de 102.000 visitas). Así mesmo, o novo portal Retorna sumou 43.560 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e aos seus e ás súas descendentes na procura de facilitar a volta á casa.
A Arxentina, Estados Unidos, Venezuela, O Uruguai, México, O Brasil, Colombia, O Reino Unido, Perú, Chile, Suíza, Cuba, Francia, Alemaña, Ecuador e China son os 16 países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.
Redes sociais
As redes sociais que ten a Secretaría Xeral da Emigración para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias, así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas, tamén experimentaron un crecemento durante 2020. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram rozan xa os 38.000 seguidores e seguidoras, o que supón un incremento medio de preto do 25% no conxunto das plataformas.
Destaca o caso de Instagram, onde os datos apuntan a un incremento de seguidoras e seguidores de case o 52%, rozando os 8.510, que xunto con Facebook, contan cun público obxectivo cunha idade media entre os 25 e os 45 anos, que son o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Galicia Retorna da Xunta.
Son elas e eles os que apostan por estas plataformas para estar ao día das novas acerca da colectividade galega, tanto a residente no estranxeiro como a da Galicia territorial e as e os que viven noutras comunidades autónomas diferentes á galega. Así, a conta da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook conta con 24.395 seguidoras e seguidores, aumentando case un 20% con respecto a 2019, e Twitter roza os 5.000, aumentando un 12%.
Novas relacionadas