A web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta, chega aos 290.000 usuarios e usuarias e ás 900.000 páxinas vistas en 2022

O portal web da Secretaría Xeral da Emigración recibiu o ano pasado máis de 416.000 visitas, destacando especialmente as informacións relativas ao retorno e ás convocatorias de axudas e programas. 

As redes sociais do departamento do Goberno galego suman máis de 5.600 novas e novos internautas en todo o mundo, superando os 50.000 seguidores e seguidoras nas principais redes.

O portal de retorno sumou máis de 59.000 visualizacións, ofrecendo unha atención 24 horas aos emigrantes galegos e galegas e aos seus e as súas descendentes na procura da volta a Galicia.

As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram superan os 50.000 seguidores e seguidoras
As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram superan os 50.000 seguidores e seguidoras
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023.

GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración, volveu incrementar o seu número de usuarias e usuarios durante o último ano, ata os 290.000, superando as 902.000 páxinas vistas. Así o amosan as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que as e os internautas realizaron algo máis de 416.000 visitas á páxina https://emigracion.xunta.gal.

Neste marco, cómpre salientar que os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta volveron ser os relativos ao retorno, en especial, sobre as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME (superando as 100.000 páxinas vistas) así como as convocatorias de axudas e programas (máis de 110.000). Así mesmo, o Portal Retorna continuou a xerar un importante fluxo de visitantes, cun total de 59.000 visitas, aportando aos galegos e galegas do exterior e ás e aos seus descendentes unha atención 24 horas na procura de facilitar a volta á casa. 

A Arxentina, Estados Unidos, Uruguai, Venezuela, México, Cuba, Brasil, Noruega, Suíza, Alemaña, Reino Unido, Perú, Ecuador, Colombia  e Chile son os 15 países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.

Redes sociais
En canto ás principais redes sociais nas que a Secretaría Xeral da Emigración conta cunha páxina activa para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias, así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas, tamén experimentaron un crecemento durante 2022. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram superan xa os 50.000 seguidores e seguidoras. 

Destaca o caso de Instagram, onde os datos apuntan a un incremento de seguidoras e seguidores de máis do 28%, acadando os 15.844, e que, xunto con Facebook, conta cun público obxectivo cunha idade media entre os 25 e os 45 anos, que son o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Galicia Retorna da Xunta. 

Entre os principais contidos da páxina da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook, destacan todos os reproducidos durante a celebración en xullo de 2022 do Día da Galicia Exterior, que supuxo a chegada de ata 138.000 visualizacións e 4.400 likes dalgún dos vídeos dos actos que se desenvolveron. Nesta conta, GaliciaAberta chega ata as e os 28.535 seguidores, aumentando un 6,7% con respecto a 2021, e Twitter roza os 5.800, cun incremento interanual superior ao 5,6%.

382 lecturas