As contas da Secretaría Xeral da Emigración nas redes sociais creceron un 46% en 2015, ata acadar os 15.000 seguidores e seguidoras

GaliciaAberta.com no ‘Facebook’ ten xa 11.375 adheridas e adheridos, e son 3.269 as e os que seguen @GaliciaAberta en ‘Twitter’.

Tamén a páxina web institucional acada case 15.000 visitas mensuais, cun tempo medio -por persoa usuaria e visita- de 3 minutos.

Segundo Rodríguez Miranda, “o noso crecemento nestas mallas de ámbito mundial permítenos contactar coa diáspora, especialmente entre a Xuventude, de maneira máis inmediata e eficaz”.

Na imaxe, Miranda consultando a páxina en Facebook da Secretaría Xeral da Emigración
Na imaxe, Miranda consultando a páxina en Facebook da Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2016.

O número de usuarias e usuarios agregados ao perfil da Secretaría Xeral da Emigración no Facebook incrementouse un 61’78% ao longo do pasado ano 2015, de maneira que as e os adheridos á páxina institucional na principal malla social na Rede pasou de 7.096 a 11.403. O crecemento experimentado no Twitter foi tamén significativo, de maneira que @GaliciaAberta pasou das e dos 2.929 followers a 3.284, un 12’3% máis. En total, entre ambas redes, pasouse das e dos 10.025 aos 14.687 seguidores e seguidoras, o que supón un incremento do 46’5 por cento global.

Cabe salientar que, desde o momento da súa creación no ano 2010, o perfil de Emigración en ambas mallas medrou de maneira ininterrompida. A inmensa maioría das e dos que deciden seguir a actualidade do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda a través da web e redes sociais son galegas e galegos residentes no Exterior que desexan estaren informadas e informados das novidades referidas á Galicia territorial, á actualidade e actividade dos centros galegos e casas de Galicia espallados por todo o planeta, e as axudas e iniciativas postas en marcha desde a propia Secretaría, eixos fundamentais da información que ofrece en internet.

Canto á páxina web, acadou ao longo de 2015 un total de 477.414 páxinas vistas, con 176.101 visitas (o que supón 14.765 ao mes, cunha media diaria de 482), e 114.195 usuarias e usuarios únicos, é dicir, aquelas e aqueles que realizaron polo menos unha visita na mesma xornada. Cómpre salientar un dato relevante, o tempo medio de cada entrada na web, que ascende ata os tres minutos, é dicir, unha estancia virtual relativamente elevada que demostra o interese da e do cibernauta medio.

Xuventude
En palabras do secretario xeral da Emigración, “as redes sociais son un camiño fundamental no achegamento da Administración ao administrado, especialmente en determinadas franxas de idade. O noso crecemento nestas mallas de ámbito mundial permítenos contactar coa diáspora, especialmente entre a Xuventude, de xeito máis inmediato e eficaz, e desa maneira mantense e refórzase a relación entre as e os galegos de segunda xeración e a Galicia territorial”.

Rodríguez Miranda recorda tamén que “ademais de salvar a distancia xeográfica, a web e redes sociais da Secretaría conseguen que as nosas informacións sobre axudas, subvencións, e actividades de toda a diáspora galega, cheguen de xeito inmediato a calquera curruncho do mundo, fortalecendo a unión entre toda a Galeguidade universal”.

Facebook
O perfil da Secretaría Xeral da Emigración na rede creada por Mark Zuckerberg conta con 3.311 seguidoras e seguidores en España (29’10% do total), das e dos cales 1.803 residen en Galicia. Arxentina colócase en segundo lugar en canto a número de seguidores e seguidoras, con 2.712 (o 23’79%), e despois Suíza con 1.170 (o 10’36%). Outros tres países rexistran máis de medio millar de persoas adheridas: Uruguai (722, cun 6’31%), Brasil (631, o 5’53%) e Estados Unidos (603, o 5’27%).

As publicacións diarias (dúas de media) nesta malla son vistas por unha media de 1.934 persoas usuarias/día, acadando un número de 57 interaccións (gústames, comentarios, compartidos etc.) diarias, cifra moi superior á do común das páxinas institucionais.

Outro dato significativo que cómpre salientar é que, malia o carácter xeral máis ‘masculino’ do Facebook (46 mulleres por cada 54 homes de media xeral na malla), no caso do perfil de Emigración a persoa usuaria tipo é maioritariamente feminino: 57% de mulleres fronte ao 43% de varóns.

‘Twitter’
O crecemento da conta de Emigración na segunda malla social con presenza na Rede en 2015 chegou ata o 12’3%, de maneira que o número de followers alcanzou as e os 3.269, dos que o 57% son residentes en España (neste caso, a discriminación xeográfica interior é imposible por canto se trata dunha rede empregada fundamentalmente en dispositivos móbiles), o 16% na Arxentina, e o 12% en Venezuela.

Os cinco chíos diarios de media da conta @GaliciaAberta acadaron en 2015 preto de 1.400 impactos/día no seu conxunto, con dous rechouchíos/día e outros 2 ‘gústame’ por día (o que ata hai pouco se denominaba ‘favorito’), cunha salientable taxa de interacción do 2’7%.

A web
Canto ás persoas que entraron no portal electrónico institucional da Secretaría Xeral da Emigración GaliciaAberta - http://emigracion.xunta.gal, 89.144 (o 50’62%) foron internautas con residencia en España, 39.826 (o 22’62) na Arxentina, 10.914 (o 6’20) no Uruguai, 7.907 (o 4’49) en Venezuela, e 3.844 (o 2’18) en Brasil. Seguen na listaxe, xa con menos do dous por cento das e dos usuarios totais, Estados Unidos, Suíza, Alemaña, México, Reino Unido, Francia, Chile, e Cuba.

613 lecturas