"Queriamos demostrar que Brasil é Galicia tamén"

Carlos Núñez analiza nun documental a conexión cultural galaico-brasileira.

O músico presentará a película no Festival Internacional Play-Doc de Tui.

A gaita galega foi o primeiro instrumento europeo en chegar ao país americano.

O 'forrou' ou o 'sertanejo' mostran semellanzas coa música celta.

O filme recompila os seus anos en Brasil durante a produción do último disco.

Listen to this page using ReadSpeaker
25 de marzo de 2011.

A gaita foi o primeiro instrumento europeo en chegar a Brasil, no ano 1500. No sur deste país chámase gaita ao acordeón, e parte das melodías dos acordeonistas da actualidade proceden da linguaxe da gaita galega. O '"forró" brasileiro parécese moito aos pasarrúas dos gaiteiros do século XIX de Pontevedra. As "violas" que se poden encontrar hoxe en Sertão son como as gaitas medievais, e as '"terças caipiras", que se interpretan con viola e voz, recordan moito as 'terceiras' de gaita galega. Estas son só algunhas das conexións entre a música brasileira e galega que o gaiteiro Carlos Núñez puido constatar no proceso de creación do seu Alborada do Brasil. recoñecido hai só uns días co Premio da Crítica Alemá.

Carlos Núñez, un dos músicos galegos máis coñecidos en todo o mundo, emprendeu unha especie de viaxe iniciática por Brasil en busca das pegadas do seu bisavó, o emigrante José María Núñez, que fora supostamente asasinado, segundo a lenda familiar. Alí descubriu non só que o seu antepasado refixera a súa vida, senón que fora un músico de éxito. O seu percorrido permitiulle ademais afondar nas semellanzas musicais entre Galicia e Brasil que ata entón intuía.

"Non" sabiamos "se encontrariamos o meu bisavó. Non sabiamos se gravariamos un disco ou non. Foi unha aventura", explicou. "A semellanza lingüística é evidente" -o galego parécese moito ao portugués de Brasil, máis mesmo que ao portugués-, "está claro que hai algo que une ás dúas culturas, e quixemos saber máis. Falamos con Carlinhos Brown, con Caetano Veloso... con moitos músicos, e comprobamos que existía interese por esa relación con Galicia", asegurou.

Ao mesmo tempo que se somerxía no ambiente musical brasileiro -case 100 artistas colaboraron finalmente con el en Alborada do Brasil, entre eles Carlinhos Brown, Lenine, Adriana Calcanhotto, Dominguinhos, Fernanda Takai, Yamandú Costa, a Escola do Samba Beija Flor ou Wilson das Neves- foi gravando parte das súas experiencias cotiadianas. Con este material, e a axuda do director catalán Robert Belsollà, construíu 'Brasil somos nós', un documental que presentará o próximo 30 de marzo no Festival Internacional de Documental Play-Doc de Tui, en Galicia.

"O obxectivo non era facer unha gran película. Moita xente pregúntanos como conseguimos estar a gravar ata catro anos. A resposta é que quizais os músicos estamos afeitos a arranxárnolas sen grandes presupostos. O enxeño serviu para paliar a falta de grandes recursos, e iso é parte do valor da película, ese carácter alternativo. Non queriamos facer un making-off, nin traballar cun equipo externo. Desexabamos facer a película dende nós mesmos, dende a nosa realidade," explicou.

Demostrar que Brasil é Galicia

O documental reconstrúe, así, os puntos de encontro entre as culturas galega e brasileira, así como o proceso de busca do familiar desaparecido. "Brasil non é só samba e bossa nova, do mesmo modo que España non é só touros e flamenco. Nós queriamos demostrar, descubrir ao mundo, que Brasil é Galicia tamén, que hai en Brasil moitas influencias da antiga Gallaecia, levadas polos portugueses do norte, que eran os galegos do sur, porque durante moito tempo galegos e portugueses foron o mesmo," subliñou.

"Pero Vaz de Caminha -disto tamén falamos no documental-, na súa carta sobre o 'achamento do Brasil' ao rei de Portugal, describe un primeiro encontro dos portugueses cos indíxenas da praia de Porto Seguro en maio de 1500. Por esta carta sabemos que a gaita galega foi o primeiro instrumento europeo en chegar a Brasil. Logo a gaita foise transformando, e outros instrumentos herdaron a súa música. Todo ese legado chegou á actualidade, pero modernizado, e hoxe é como a Galicia 'swing' en Brasil, que se mesturou cos ritmos africanos," engadiu.

Foron The Chieftains, -cos que Carlos traballou por primeira vez en 1989, na banda sonora da película A illa do tesouro, e xunto aos que actuou no Carnegie Hall de Nova York ou no Royal Albert Hall de Londres ao lado de artistas como Bob Dylan, The Who, Lou Reed, Spin Doctors, Bon Jovi ou Alice Cooper-, os que lle puxeron sobre a pista das semellanzas entre a música celta e a brasileira. Lendas irlandesas falan dunha illa misteriosa chamada Y Brazil, que os mariñeiros coñecían e que aparecía e desaparecía.

Difundir a conexión con Brasil, como con Irlanda e Bretaña

Similitudes na organización das escolas de samba brasileiras e as bandas de gaitas de fol escocesas, as melodías de gaita do 'axé' ou o parecido entre o 'forrou' e a música irlandesa -explicable porque a gaita foi substituída pola zanfona-, confirmaron esta intuición primeira.

"Conseguir difundir toda esta conexión, todo este imaxinario brasileiro-galaico, levaranos anos, é certo. Pero hai 15 anos cando se falaba de música atlántica, de música celta, das conexións entre Galicia, Irlanda ou Bretaña, tampouco era unha idea asumida. Hai uns días invitáronme ao Palacio Real, con motivo da visita da presidenta de Irlanda. Na comida, o Rei de España falou da lenda de Breogán, a presidenta irlandesa do ADN que compartimos galegos e irlandeses... Isto hai quince anos sería impensable", destacou.

"O importante agora é que o documental chegue ao maior número de xente posible. Non o formulamos como un negocio senón, por que non o dicir, como un servizo a Galicia. Era algo que era necesario facer, malia a crise. É máis ben unha aventura de romanticismo, froito das sinerxías, as enerxías, os encontros... ", indicou.

Anos "mollándose en Brasil" para substituír un baleiro

Brasil somos nós non é a primeira incursión de Carlos Núñez no cine. O músico traballou na banda sonora de Mar dentro, de Alejandro Amenábar. E a música de películas é o miolo do seu disco Cinema do mar (2006), que ía acompañado dun documental, dirixido tamén por Robert Bellsolà, de quen o artista destaca o "humor intelixente" que achegou ao proxecto. Tampouco é a primeira vez que un álbum seu é resultado da inmersión noutra cultura. Así o fixo, durante tres anos, na Bretaña francesa, e o froito foi o Almas de Fisterra, de 2003.

"Robert foi capaz de armar unha historia sen un guión previo. Tivemos tamén a oportunidade de facer cousas coa televisión. Pero non é o mesmo que fixemos con Brasil somos nós, proxecto no que, por primeira vez, traballamos cun equipo noso, e non externo. Queriamos estar metida ata a medula no proceso creativo. Eu estivera xa en Brasil hai doce anos. Pero naquel momento non estaba preparado para facer este disco. Todas as experiencias acumuladas nestes catro anos de viaxes nos serviron de moito. E creo que a crítica dos países americanos o notou. Os críticos arxentinos, por exemplo, saben moi ben que é un galego e que é un brasileiro", sinalou.

O documental está gravado en galego, portugués de Brasil e castelán. "É certo que polo momento é unha elite moi pequena a de 'brasileiros' que coñece Galicia. Ademais hai que ter en conta que Brasil é un país moi grande e moi competitivo, con moi bos músicos. É difícil darse a coñecer alí, pero a boa acollida que está a ter Alborada do Brasil é un indicio de que imos por bo camiño. Os brasileiros non saben moito sobre Galicia porque ninguén lles explicou nada. Os portugueses non ían facelo. E o noso papel é suplir iso: explicar que no interior de Brasil se conservan tradicións herdadas da Idade Media, do noroeste da Península Ibérica," sostivo. O interior de Brasil, subliñou, neste sentido, é como o "Finisterrae" galego. "Só que o 'Fisterra' brasileiro non está na costa", dixo.

Música como un traballo colectivo, non individual

O intercambio cultural é, ademais, piar do traballo de Carlos Núñez dende o principio da súa carreira. O seu primeiro álbum en solitario, A irmandade das estrelas, (1996), contaba xa coa colaboración de máis de 50 músicos, entre eles The Chieftains, Luz Casal e Dulce Pontes. No segundo disco, de 1999, Os amores libres, gravado en dez países diferentes ao longo de dous anos, explorou as conexións entre a música celta e o flamenco. No terceiro, de 2000, Maio longo, indagou na mestura do experimental e o pop coa tradición.

"O concepto da música como proxecto colectivo é innato en min", afirma. "Nas culturas mediterráneas crese máis no xenio creador. Nas culturas como a galega, nas que a tradición manda en moitos aspectos, entendemos que a arte é composición colectiva, a partir de realidades preexistentes. O pobo ten esa sabedoría, como a da mestizaxe. Os galegos sempre fomos grandes fusionadores, e sempre estamos a buscar conexións da nosa cultura coas demais", recordou.

Proba desa concepción coral da arte é a súa antoloxía Todos os mundos, de 2002, que incluía gravacións que realizara para discos doutros artistas como Andreas Vollenweider, Sharon Shannon ou Liam O'Flynn ou, en 2004, Carlos Núñez & Amigos, no que volveu reunirse con The Chieftains, -que o "descubriron" cando tiña só 13 anos, tras ser invitado a tocar como solista coa Orquestra Sinfónica de Lorient-.

As mutuas influencias entre os músicos galegos e brasileiros poden rastrexarse na historia. Tras os primeiros contactos, na Idade Media -o reino medieval de Galicia foi un dos primeiros en formarse de Europa, e Portugal xurdiu tras independendizarse do territorio desa unidade galaica, logo asimilada por Castela-, veu a emigración dos "minhotos" a Minas Gerais en pleno barroco, e por último a terceira onda migratoria, nos séculos XIX e XX, na que se integrou o bisavó de Carlos Núñez.

No século XX, os músicos galegos empapáronse da música brasileira, coa súa influencia africana, e levárona a Galicia. Boa proba diso é a pegada que os ritmos brasileiros deixaron no repertorio das orquestras populares. Aínda hoxe mantense unha numerosa comunidade de emigrantes galegos en Salvador de Bahía, por exemplo, e pódense detectar confluencias como as encontradas por Uxía, artista galega que leva intentando toda a súa carreira divulgar a conexión galaico-portuguesa-brasileira. Así, o "repentista" brasileiro ten moito que ver co regueifeiro galego, hai semellanzas nos ritmos, referencias comúns como o Verdegaio...

 

Fonte: El Mundo | Fotos: El Mundo

1449 lecturas