Carlos Núñez promove o seu álbum "Alborada do Brasil".

O traballo é resultado dunha viaxe do músico ao país latinoamericano en busca das súas raíces.

Listen to this page using ReadSpeaker
23 de decembro de 2010.

O gaiteiro galego Carlos Núñez está presentando en Galicia o seu álbum Alborada do Brasil, que o propio músico define como o resultado da busca das súas raíces no país latinoamericano. Núñez estivo en Brasil durante tres anos buscando noticias do seu bisavó, que emigrou alí en 1904.

En terras brasileiras o gaiteiro descubriu unha música escrita polo seu antepasado que incluía ritmos locais. Ademais, Núñez encontrou en Brasil unha grande influencia cultural galega, non só pola emigración, senón tamén polos portugueses e a súa proximidade con Galicia. Segundo Núñez, nunha carta escrita por Cabral na época do descubrimento de Brasil, o primeiro instrumento musical do vello continente que soou para os indíxenas brasileiros foi a gaita.

Nos seus concertos de promoción de Alborada do Brasil, o gaiteiro galego está acompañado por dous músicos brasileiros, a cantante Fernanda Cabral e o percusionista bahiano Alan Sousa, ademais de compañeiros habituais como Pancho Álvarez, o seu irmán Xurxo Núñez e a irlandesa Niamh Ní Charra.

1383 lecturas