Feijóo inicia o martes unha viaxe a Brasil co obxectivo de afondar nas posibilidades de colaboración entre Galicia e o país suramericano así como buscar novas oportunidades de negocio para o sector naval galego

O presidente da Xunta de Galicia manterá distintos encontros con autoridades gobernamentais para intensificar as relacións comerciais e de investimentos.

Estará acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que viaxará xunto a unha representación de estaleiros galegos co fin de achegar as capacidades do noso sector naval ao empresariado de Brasil.

Durante a viaxe se manterán diversos encontros con empresas autóctonas interesadas tanto nas posibilidades de investimento que ofrece Galicia como na capacidade tecnolóxica dos seus estaleiros.

A misión reforzará os contactos co sector naval iniciados na viaxe do presidente a Brasil no mes de xullo e enmárcase dentro do esforzo da Xunta por impulsar a internacionalización das empresas galegas, unha das claves da recuperación económica de Galicia.

Feijóo inicia o martes unha viaxe a Brasil co obxectivo de afondar nas posibilidades de colaboración entre Galicia e o país suramericano así como buscar novas oportunidades de negocio para o sector naval galego
Feijóo inicia o martes unha viaxe a Brasil co obxectivo de afondar nas posibilidades de colaboración entre Galicia e o país suramericano así como buscar novas oportunidades de negocio para o sector naval galego
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2012.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo inicia o martes unha viaxe a Brasil para afondar nas posibilidades de colaboración entre Galicia e o país suramericano así como buscar novas oportunidades de negocio para o sector naval galego. Estará acompañado do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que viaxará xunto a unha delegación de representantes de estaleiros galegos coa fin de achegar as capacidades e tecnoloxía naval ao sector empresarial brasileiro.

Entre os distintos encontros institucionais que manterá o presidente da Xunta de Galicia nesta viaxe, destaca a reunión co gobernador do Estado de Río de Janeiro, Sergio Cabral, co que estreitará lazos e se analizará oportunidades de negocio entre ambos países, tanto no sector naval como noutros sectores estratéxicos.

Cun enfoque fundamentalmente comercial, o presidente apoiará a misión que levará a cabo Javier Guerra e unha representación de estaleiros galegos – Navantia, Metal Ships, Freire, Vulcano e Barreras- que viaxan a Brasil para ofrecer aos estaleiros do país suramericano e a grandes compañías de distintos ámbitos, como o enerxético ou o navieiro, a capacidade produtiva, competitiva e o coñecemento do sector naval galego, así como as súas posibilidades de colaboración cun país cunha economía emerxente como é Brasil. Ademais, esta misión permite dar continuidade e reforzar os contactos establecidos no ámbito do sector naval na anterior viaxe do presidente no mes de xullo.

Nesta visita, estreitaranse lazos económicos e comerciais tamén coa fin de atraer investimentos á comunidade galega e incrementar as exportacións das empresas galegas ao país suramericano. Neste sentido, hai que ter en conta que Brasil é un dos países que está a captar un maior interese do empresariado e emprendedores e emprendedoras que apostan por saír ao exterior en busca de novos mercados, e xa son varias as empresas que grazas ao apoio da Xunta, por medio da Rede Pexga, están a implantarse no país carioca.

1478 lecturas