Feijóo refírese á Feira Internacional do libro de Bos Aires como unha proba máis “desa ponte indestrutible entre Arxentina e Galicia”

O titular da Xunta participou hoxe na apertura da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, cuxa 42 edición conta con Santiago de Compostela como cidade invitada de honor.

Afirma que con esta feira a Galicia literaria volve a unha das súas orixes; “porque a nosa literatura terá aquí, en Arxentina, un renacemento cando a escuridade reinaba alá. Arxentina foi unha prolongación de Galicia”, di.

Sostén que esa simbiose entre as letras arxentinas e as galegas produce un intercambio frutífero para ambas as dúas.

Salienta que a escollida selección de escritoras e escritores, editoriais e institucións culturais de Galicia presentes nesta feira, é unha pequena mostra dun gran país: “Traen a esta capital da cultura que é Bos Aires, o latido dunha literatura en constante innovación que reflicte as correntes máis actuais e ao tempo achegan a nosa peculiar visión do mundo”.

Incide en que “a palabra foi o noso refuxio e é agora a nosa bandeira”.

O presidente da Xunta, acompañado do ministro de Cultura da Arxentina e o alcalde de Santiago de Compostela, durante a inauguración da Feira do Libro de Bos Aires
O presidente da Xunta, acompañado do ministro de Cultura da Arxentina e o alcalde de Santiago de Compostela, durante a inauguración da Feira do Libro de Bos Aires
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 21 de abril de 2016.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, como unha proba máis “desa ponte indestrutible entre Arxentina e Galicia”. Durante a apertura da 42 edición, que conta con Santiago de Compostela como cidade invitada de honor, e que se celebrou esta tarde, Feijóo aseverou que con esta feira a Galicia literaria volve a unha das súas orixes; “e digo ben –dixo- porque a nosa literatura terá aquí, en Arxentina, un renacemento cando a escuridade reinaba alá”. “Arxentina foi unha prolongación de Galicia”, abundou.

O titular da Xunta incidiu en que cando España estivo sumida na escuridade, as galegas e os galegos non precisamos recorrer a artificios para preservar as nosas obras máis queridas, “porque nos quedaba a esperanza de América, a esperanza da Arxentina”.

Diante disto, o titular da Xunta afirmou que a palabra que mellor resume o sentimento dos galegos e galegas neste acto é ‘gratitude’, “gratitude cara a unha terra que demostrou que a literatura é un arma cargada de futuro”, salientou, parafraseando ao poeta español Gabriel Celaya.

Non obstante, Feijóo aseverou que tampouco pode dicirse que houbese unha literatura refuxiada porque iso sería minusvalorar a calor que sentían as e os creadores galegos na Arxentina: “O galego nunca se sentiu estranxeiro entre vostedes, e vostedes nunca o viron como alleo”, sentenciou.

Así mesmo, afirmou que esa simbiose entre as letras arxentinas e as galegas produce un intercambio frutífero para ambas as dúas, “xa que cando se produce o encontro –recordou-, a literatura arxentina representa a vangarda, o ímpeto, a creatividade; e a fusión do tradicional co moderno dará lugar a unhas consecuencias no mundo das letras que felizmente aínda perduran”.

Logo de recordar algúns dos nomes que axudan a entender esa ponte feita de libros e palabras que une a Arxentina e Galicia, e que é transitada nas dúas direccións, como Castelao, Vicente Risco, Xosé Neira Vilas, Camilo José Cela ou Francisco Luís Bernárdez e Roberto Arlt..., entre outras e outros moitos; Feijóo destacou que a escollida selección de escritoras e escritores, editoriais e institucións culturais de Galicia presentes nesta feira, é unha pequena mostra dun gran país.

“Traen a esta capital da cultura que é Bos Aires, o latido dunha literatura en constante innovación que reflicte as correntes máis actuais e ao tempo achegan a nosa peculiar visión do mundo. Todos estes creadores fan posible que Galicia estea no mundo, e o mundo estea en Galicia. Cultivando xéneros diferentes e con estilos variados, son fieis á idea de que a principal forza da nosa terra reside na palabra”, explicou, facendo fincapé en que “a palabra foi o noso refuxio e é agora a nosa bandeira”.

1007 lecturas