Os orzamentos de Emigración garanten a especial protección das e dos galegos do Exterior en situación de desvantaxe

Reproducimos a segunda e última toma da Axencia EFE sobre a entrevista ao secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na que analiza a prioridade do investimento social no departamento, e tamén a relevancia do pulo ao retorno.

Miranda analizou a prioridade do investimento social no seu departamento, e tamén a relevancia do pulo ao retorno
Miranda analizou a prioridade do investimento social no seu departamento, e tamén a relevancia do pulo ao retorno
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2016.

Emigración redobrará os esforzos en 2017, co apoio ás comunidades galegas no exterior, en cumprimento do papel que lle outorga o Estatuto de Autonomía e co obxecto de garantir unhas condicións de vida que sexan "dignas" a aquelas e aqueles que se atopan con maiores desvantaxes.

As liñas de apoio, sinalou o secretario xeral, Antonio Rodríguez Miranda, céntranse no investimento social e sanitario, dirixido a este fin, no caso daquelas e daqueles que o estean pasando peor, xa sexa por razóns económicas, de saúde e tamén de idade. "Temos galegos fóra que teñen, moitos deles, unha idade avanzada. Máis do 60% están en países fundamentalmente de Hispanoamérica e un 40% en Europa. Moitos países teñen mecanismos de protección social en termos equivalentes, pero noutros non é exactamente así", abundou nunha entrevista con Efe.

Ademais, "estes nosos maiores, cando pasan a percibir pensións, pois a miúdo non son elevadas, e atópanse nunha situación de certa desprotección", ante a cal se reacciona cunha colaboración directa ou a través de entidades que lles confiren a atención que necesitan, as cales prestan servizos sociais e sanitarios en países con coberturas moi limitadas ou inexistentes.

Nos orzamentos galegos consolídase a aposta para garantir que isto siga así e para a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva no que aos propios gastos de funcionamento refírese, así como se preservan os proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins culturais, sociais, de mocidade e formativos. Tamén haberá unha importante dotación económica para axudas á conservación, obras, equipamento, infraestruturas e mellora das dotacións.

A Xunta pretende, en palabras de Rodríguez Miranda, redundar na promoción da cultura "pero, sobre todo, na atención aos galegos do exterior, especialmente no campo social e sanitario, máxima prioridade. Así se demostrou nos peores anos da crise que xa parecemos remontar e nesa liña manterémonos no futuro", subliñou.

Nestes momentos, así mesmo, hai especial atención a Venezuela, pola súa situación, e tampouco Brasil "está no seu mellor momento", di o secretario xeral, que subliña que por tempadas hai "unha maior demanda de atención", o que require dunha intensificación no que respecta ás prestacións de tipo asistencial e autoemprego. "O país prioritario en canto a preocupación e atención é hoxe, sen dúbida, Venezuela", destaca, e afirma que "hai un retorno maior".

Rodríguez Miranda fai especial fincapé, xa en termos xerais, neste feito, no retorno, que se tratará de apoiar con bolsas de excelencia para a mocidade no exterior e reforzando as liñas de impulso xa consolidadas en exercicios anteriores, tanto para os emprendedores e emprendedoras como para aqueles e aquelas que necesiten dun "acompañamento urxente".

Neste sentido, as axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas, que en tres anos de existencia supuxeron a posta en marcha de medio cento de negocios, manteñen o seu orzamento.

Estas subvencións, cunha contía máxima que pode chegar aos 8.000 euros por proxecto, complementan, sen excluílas, as impulsadas por outros departamentos autonómicos e administracións, para autónomos e emprendedores. O propósito é aproveitar os coñecementos e experiencia dos galegos no exterior e facilitar a volta á súa terra de orixe.

Igualmente, hai especial atención cara ás axudas extraordinarias destinadas a persoas emigrantes galegas e pensadas para facer fronte a causas sobrevindas derivadas do retorno e que requiren dunha atención perentoria. Emigración resolve cada petición individualmente, de maneira que as e os beneficiarios non teñan que esperar ao final da convocatoria para recibir a axuda. Rodríguez Miranda defende todas esas accións para con "unha potencialidade que ten Galicia moi relevante" e a cal convén coidar para que eses galegos e galegas poidan realizar ese camiño de retorno, se así o queren, incidiu, así como "os seus fillos e netos".

 

En imaxes
772 lecturas