A Xunta pon en marcha en 2017 bolsas específicas para captar á mocidade galega no exterior mellor formada

As “Bolsas de excelencia para a mocidade no Exterior”, que xestionará Emigración en colaboración con Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, queren atraer cada ano a galegas e galegos que viven fóra para que rematen aquí a súa formación e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

O orzamento efectivo da Secretaría Xeral que dirixe Rodríguez Miranda aumenta este ano un 5’87%, e o absoluto supera os 8’7 millóns de euros, absorbendo toda esa suba a nova medida de fomento do retorno.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2016.

O secretario xeral da Presidencia da Xunta, Manuel Galdo, debullou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos dos departamentos directamente xestionados polo Presidente Núñez Feijóo, entre eles a Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda. Precisamente, Galdo recordou no decurso da presentación destes orzamentos que un dos tres eixos fundamentais de actuación para esta nova lexislatura establecidos por Feijóo no seu discurso de investidura foi o de dar prioridade ao retorno das e dos emigrantes, tanto de primeira como de segundas xeracións.

Así, en consonancia con este compromiso, cómpre salientar a posta en marcha, coa estreita colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, das “Bolsas de Excelencia para a Mocidade no Exterior”, dotadas inicialmente con medio millón de euros, e que supoñen a principal novidade nos orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta nova actuación pretende captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. A oferta “centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego, con especial atención aos estudos relacionados co sector primario”, segundo destacou Galdo, e co orzamento previsto preténdense cubrir os gastos de desprazamento, matrícula, aloxamento e manutención das e dos beneficiarios.

Entre as finalidades que perseguen estas bolsas atópase garantir a súa permanencia no territorio, unha vez rematen os seus estudos, mediante un itinerario personalizado para a súa inserción laboral en empresas galegas.

As bolsas absorben a suba
Esta é a principal novidade nuns orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración que incrementan este ano un 5’38 % a súa contía xeral, un 5’87 % se consideramos o orzamento efectivo (cantidade total menos Capítulo I de Persoal). Así, para este 2017 o departamento que dirixe Rodríguez Miranda conta con 8.775.873 euros, o que supón un incremento neto de 447.073 respecto do presente ano. Como se pode ver, toda a suba de orzamento -e aínda 23.000 euros máis- son absorbidos pola nova medida de impulso ao retorno.

Así, as principais liñas de actuación e programas mantéñense intactos ou con moi lixeiras variacións. En primeiro lugar, e pola súa relevancia orzamentaria, cómpre destacar que Emigración blindará, como en anos recentes, as axudas económicas individuais a emigrantes galegas e galegos (destinadas a paliar situacións de alta precariedade en países con escasa ou nula protección social e/ou sanitaria), cuxo investimento ascende aos 2 millóns de euros. Mercé a esta acción, unhas 8.000 familias galegas no Exterior en serias dificultades poden paliar, cada ano, a súa situación de necesidade.

Por outra banda, manteñen o seu orzamento e obxectivos outros programas específicos de carácter socioasistencial, ben dirixidos a persoas maiores -como Reencontros na Casa ou Reencontros na Terra- ou especialmente á mocidade na diáspora –Escolas Abertas, obradoiros de formación, xornadas de especialización, Conecta con Galicia, Aventúrate en Galicia, etcétera.

Énfase no retorno
Ademais da medida innovadora deste ano, as devanditas Bolsas de Excelencia para a Mocidade no Exterior, Emigración mellora as liñas de impulso ao retorno xa consolidadas en exercicios anteriores, tanto para as e os emprendedores, como para aquelas e aqueles que necesitan un acompañamento urxente

Así, as axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas, que nos seus tres anos de vida impulsaron a posta en marcha de medio centenar de negocios, manteñen o seu orzamento en 2017. Estas subvencións, cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros por proxecto, complementan sen excluílas as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras administracións, para autónomas e autónomos e persoas emprendedoras. O obxectivo é aproveitar os coñecementos e experiencia dos galegos e as galegas no Exterior, e tamén facilitar o seu retorno á terra natal.

Igualmente, increméntase un 33% o investimento nas axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas, destinadas a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno e que requiren dunha atención perentoria. Cómpre salientar que Emigración resolve cada petición individualmente, de maneira que as e os beneficiarios non teñen que esperar ao final da convocatoria para percibir a axuda. Nos últimos catro anos, orzáronse para estas situacións que demandan atención urxente máis de 550.000 euros.

Comunidades galegas no Exterior
Emigración reforzará en 2017 o seu apoio ás Comunidades Galegas do Exterior, en cumprimento do papel que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se ten desenvolvido na Lei de Galeguidade. Na atención aos colectivos que representan á diáspora galega fóra do territorio destaca tamén o investimento social e sanitario, destinado a garantir unhas condicións de vida dignas ás e aos galegos en situación de maior desvantaxe, sexa por razóns de idade, económicas, ou de saúde. Cómpre lembrar que estas entidades prestan servizos sociais e sanitarios en países con coberturas moi limitadas ou inexistentes nesta materia.

Así, consolídase a aposta na axuda fundamental para garantir esa atención; para a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins culturais, sociais, de xuventude e formativas das comunidades galegas destinaranse este ano 1.655.870 euros. Cómpre salientar que xa no ano 2016 experimentara un incremento de 11’11 puntos porcentuais.

Por outra banda, tamén se consolida, ata os 613.000 euros, a dotación orzamentaria para axudas á conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, e para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

Tanto no primeiro como no segundo dos casos, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ten destacado que mediante estas liñas de apoio ás comunidades, a Xunta axuda a que a actividade das mesmas “poida redundar directamente na promoción da nosa cultura, pero sobre todo na atención aos galegos do Exterior, especialmente no eido social e  sanitario, máxima prioridade do Goberno galego. Así o demostrou nos peores anos dunha crise que xa parecemos remontar, e nesa liña manterémonos no futuro”.

3136 lecturas