Miranda amplía o número de persoas beneficiarias dos programas de atención social, que o ano pasado chegaron a máis de 30.000 galegas e galegos do exterior, para paliar as consecuencias do coronavirus

O titular da Secretaría Xeral da Emigración busca aumentar as axudas, nas que en 2019 se investiron case 4 millóns de euros. 

A Xunta xa deu luz verde á continuación da tramitación de, entre outras, as máis de 8.000 axudas económicas individuais concedidas entre beneficiarias e beneficiarios de Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba e Venezuela.

Os diferentes acordos con entidades, que tamén contan coa autorización do Goberno galego, permitiron atender o último exercicio a máis de 21.000 cidadás e cidadáns galegos en situación de especial dificultade.  

Imaxe de arquivo da campaña de entrega de medicamentos do exercicio 2019
Imaxe de arquivo da campaña de entrega de medicamentos do exercicio 2019
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, está a desenvolver diversas fórmulas para incrementar o número de beneficiarias e beneficiarios dos programas de atención social do departamento autonómico, que o ano pasado chegaron a máis de 30.000 cidadás e cidadáns galegos do exterior a través dos case catro millóns de euros investidos para este fin. Co aumento de persoas destinatarias destas medidas, a Secretaría Xeral da Emigración busca contribuír a paliar as consecuencias que o coronavirus ameaza con deixar nos principais países con poboación galega. As características sociais e xeográficas dos diferentes Estados e continentes fan prever unha pegada desigual da Covid-19, que previsiblemente deixará máis danos no tecido social dos países con maiores dificultades previas. Por iso, o departamento autonómico está a estudar medidas que permitan chegar a un número maior de galegas e galegos no exterior en situación de necesidade. 

O primeiro paso para garantir asistencia ás e aos galegos no exterior, xa acadado, foi obter a autorización expresa do Consello da Xunta para continuar coa tramitación destes programas, entre os que se atopan as Axudas Económicas Individuais, que só o ano pasado axudaron a máis de 8.000 familias galegas, residentes na súa maioría na Arxentina, O Uruguai e O Brasil. 

Luz verde aos convenios de servizos sociais
Tamén a colaboración coas distintas entidades para a prestación de servizos sociais está a seguir a súa tramitación logo de obter luz verde do Executivo galego. Esta liña de acordos, que permite á Secretaría Xeral da Emigración chegar a máis de 21.000 cidadás e cidadáns galegos, ofrece servizos de asistencia social e sanitaria en países de Iberoamérica (Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba) que teñen por finalidade garantir as mellores condicións posibles de vida para as e os maiores con orixe galega e que, por razóns económicas ou de outra índole, necesitan atención neses centros.

Finalmente, e como terceira liña de axuda en políticas sociais ás e aos residentes no exterior, as campañas de entregas de medicamentos, promovidas polo Goberno galego en colaboración coas entidades galegas de Venezuela, prevén chegar aos 35.000 galegos e galegas que viven no país suramericano grazas á dotación de 149.000 euros que se destinan a este programa. As oficinas de atención social dos centros galegos, así como profesionais médicos, prestan apoio ás e aos interesados en recibir axuda, tanto á hora de completar os trámites legais como á de recibir asesoramento en materia sanitaria. Deste xeito facilítase o acceso a medicamentos para o tratamento de enfermidades crónicas ou patoloxías que revistan gravidade e requiran un sistema de distribución en modalidade de monodose, sempre e cando se acredite a carencia de medios económicos para acceder á súa compra.

773 lecturas