Interese nos medios de comunicación polas bolsas para a mocidade galega no exterior

A Axencia EFE, o xornal La Región ou Finanzas.com entre outros, fanse eco do anuncio de convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración.

Transcribimos aquí a información publicada no xornal electrónico Finanzas.com baixo o título "Unhas bolsas buscarán captar á mocidade galega no exterior mellor formada" e o arquivo coa noticia en 'La Región'.

A Axencia EFE, o xornal La Región ou Finanzas.com entre outros, fanse eco do anuncio de convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración
A Axencia EFE, o xornal La Región ou Finanzas.com entre outros, fanse eco do anuncio de convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2016.

A Secretaría Xeral da Emigración dará prioridade neste mandato ao retorno de emigrantes, tanto de primeira como de segunda xeración, con bolsas específicas que se poñerán en marcha en 2017 e buscarán captar á mocidade no exterior que estea mellor formada.

Por tanto, en consonancia con este compromiso, informou este departamento nun comunicado, convén destacar a posta en marcha, coa estreita colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, das "Bolsas de Excelencia para a Mocidade no Exterior", dotadas inicialmente con medio millón de euros, e que supoñen a principal novidade nos orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta nova actuación pretende captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio.

A oferta centrarase "en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego, con especial atención aos relacionados co sector primario", segundo destacou na súa presentación o secretario xeral da Presidencia, Manuel Galdo, e co orzamento previsto preténdense cubrir os gastos de desprazamento, matrícula, aloxamento e mantemento dos beneficiarios e beneficiarias.

Entre as finalidades que perseguen estas bolsas atópase garantir a súa permanencia no territorio, unha vez finalicen os seus estudos, mediante un itinerario personalizado para a súa inserción laboral en empresas galegas.

Esta é a principal novidade nuns orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración que incrementan este ano un 5,38% a súa contía xeral, un 5,87% se se considera o orzamento efectivo (cantidade total menos Capítulo I de Persoal).

Así, para este 2017 o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda conta con 8.775.873 euros, o que supón un incremento neto de 447.073 respecto do presente ano.

Toda a subida de orzamento -e mesmo 23.000 euros máis- é absorbida pola nova medida de impulso ao retorno. Así, as principais liñas de actuación e programas mantéñense intactos ou con moi lixeiras variacións.

En primeiro lugar, e pola súa relevancia orzamentaria, Emigración blindará, como en anos recentes, as axudas económicas individuais a emigrantes galegas e galegos (destinadas a paliar situacións de alta precariedade en países con escasa ou nula protección social e/ou sanitaria), cuxo investimento ascende aos dous millóns de euros. Soamente por esta acción, unhas 8.000 familias galegas no Exterior en serias dificultades poden paliar, cada ano, a súa situación de necesidade.

Por outra banda, manteñen o seu orzamento e obxectivos outros programas específicos de carácter socioasistencial, ben dirixidos a persoas maiores -como Reencontros na Casa ou Reencontros na Terra- ou especialmente á mocidade na diáspora -Escolas Abertas, obradoiros de formación, xornadas de especialización, Conecta con Galicia ou Aventúrate en Galicia.

Ademais da medida innovadora deste ano, as citadas Bolsas de Excelencia para a Mocidade no Exterior, Emigración mellora as liñas de impulso ao retorno xa consolidadas en exercicios anteriores, tanto para as e os emprendedores, como para aquelas e aqueles que necesitan un acompañamento urxente.

Así, as axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas, que nos seus tres anos de vida impulsaron a posta en marcha de medio cento de negocios, manteñen o seu orzamento en 2017. Estas subvencións, cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros por proxecto, complementan sen excluílas as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras administracións, para autónomas e autónomos e persoas emprendedoras. O obxectivo é aproveitar os coñecementos e experiencia dos galegos e as galegas no Exterior, e tamén facilitar o seu retorno á terra natal.

Igualmente, increméntase un 33% o investimento nas axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas, destinadas a facer fronte a aquelas causas sobrevindas derivadas do retorno e que requiren dunha atención perentoria. Emigración resolve cada petición individualmente, de maneira que as e os beneficiarios non teñen que esperar ao final da convocatoria para percibir a axuda. No últimos catro anos, orzáronse para estas situacións que demandan atención urxente máis de 550.000 euros.

Emigración reforzará así mesmo en 2017 o seu apoio ás Comunidades Galegas do Exterior, en cumprimento do papel que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se desenvolveu na Lei de Galeguidade.

Na atención aos colectivos que representan á diáspora galega fóra do territorio destaca tamén o investimento social e sanitario, destinada a garantir unhas condicións de vida dignas aos galegos e galegas en situación de maior desvantaxe, sexa por razóns de idade, económicas, ou de saúde. É preciso lembrar que estas entidades prestan servizos sociais e sanitarios en países con coberturas moi limitadas ou inexistentes nesta materia.

Así, consolídase a aposta na axuda fundamental para garantir esa atención; para a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins culturais, sociais, de mocidade e formativas das comunidades galegas destinaranse este ano 1.655.870 euros. Xa no ano 2016 experimentara un incremento de 11,11 puntos porcentuais.

Por outra banda, tamén se consolida, ata os 613.000 euros, a dotación orzamentaria para axudas á conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, e para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

Tanto no primeiro como no segundo dos casos, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, remarcou que mediante estas liñas de apoio ás comunidades, a Xunta axuda a que a actividade das mesmas "poida redundar directamente na promoción da nosa cultura, pero sobre todo na atención aos galegos do Exterior, especialmente no campo social e sanitario, máxima prioridade do Goberno galego". "Así se demostrou nos peores anos dunha crise que xa parece remontar, e nesa liña manterémonos no futuro", expresou.

 

Fonte: Finanzas.com

1251 lecturas