A difusión internacional da lingua galega avanza coa apertura dun novo Centro de Estudos Galegos en Alemaña

Política Lingüística fixo posible que a Universidade de Leipzig promova desde o presente curso académico a proxección exterior do idioma e da cultura de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker

O responsable da secretaría xeral, Anxo Lorenzo, e o catedrático de Filoloxía Galega e académico Ramón Lorenzo participaron esta semana na inauguración deste centro de estudo.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de lle imprimir un novo impulso á proxección exterior da lingua galega a través da creación dun Centro de Estudos Galegos na Universidade alemá de Leipzig.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e mais o catedrático de Filoloxía Galega e membro da Real Academia Galega Ramón Lorenzo participaron na inauguraron do Centro de Estudos Galegos da Universidade alemá de Leipzig e do correspondente lectorado, que tivo lugar a primeira hora desta tarde na Biblioteca Albertina da universidade.

“O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig –asegurou o secretario xeral durante o acto– nace con motivacións académicas, pero será, ao mesmo tempo, lugar de encontro de todas aquelas persoas que, dentro da comunidade universitaria desta cidade, teñan o ánimo de coñecer a historia e a cultura de Galicia a través do estudo da lingua galega”. Unha lingua que, segundo salientou o secretario xeral, “segue sendo o medio de comunicación habitual da maioría da poboación de Galicia, xa que preto do 60% utiliza diariamente só o galego ou máis galego que castelán”.

A apertura do Centro de Estudos Galegos de Leipzig, xunto co correspondente lectorado de galego, “fará posible que, por vez primeira, se desenvolva nesta universidade un amplo e variado programa de actividades académicas a prol do coñecemento e a difusión da lingua e da cultura galegas entre o público universitario e, dun xeito máis amplo, tamén entre a cidadanía en xeral”, salientou Anxo Lorenzo. Ademais, o ensino do galego en Leipzig promoverase no marco académico dun grao de tradución, o que permitirá conectar a cultura en alemán coa galega.

Finalmente, o secretario xeral explicou que "a Universidade de Leipzig, coa súa longa tradición no estudo das linguas románicas e da investigación e ensino da tradución, é un lugar particularmente adecuado para acoller este novo lectorado de galego". "Con el e mais co de catalán -engadiu- será posible, por primeira vez en Alemaña, estudar todas as linguas ibero-románicas no cadro da carreira de Tradución e Interpretación, así como graduarse oficialmente en calquera dos catro idiomas".

A conexión entre as linguas galega e alemá
Pola súa banda, Ramón Lorenzo incidiu no seu relatorio nas fondas relacións históricas entre a xermanística e a cultura galega, relacións que deron froitos no coñecemento compartido entre ambas as culturas, linguas e literaturas, e que axudaron a fomentar a investigación nun amplo abano de temas de interese común.

O director dos lectorados no Departamento de Lingüística Aplicada e Translatoloxía das Linguas Ibero-Románicas, Carsten Sinner; o vicerreitor de Desenvolvemento Estrutural, Robert Holländer; o decano da facultade de Filoloxía, Wolfgang Lörscher; a directora do departamento de Lingüística Aplicada e Translatoloxía, Sabine Bastian; e mais o director da área de Lingua do Institut Ramon Llull, Andreu Bosch, completaron as intervencións neste acto que congregou decenas de persoas e no que tamén se inaugurou o lectorado de catalán.

Os lectores de galego e de catalán, Diana García Couso e Òscar Bernaus Griñó, respectivamente, pecharon o acto coa lectura de prosa e lírica en ambos os dous idiomas.

A difusión do galego fóra de Galicia
A creación do Centro de Estudos Galegos na Universidade de Leipzig responde ao establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, respecto do desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, un dos obxectivos marcados polo Plan xeral de normalización da lingua galega para a proxección exterior do idioma é o de consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico.

En consecuencia, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos.

A aprendizaxe do galego en universidades de todo o mundo
Na actualidade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística conta con máis de 40 centros de estudos galegos localizados en países de Europa e de América, cinco deles no país alemán, concretamente nas universidades de Tubinga, Kiel, Heidelberg, Leipzig e Berlín. Nesta última, Anxo Lorenzo e Ramón Lorenzo participarán mañá nun acto académico que afondará na difusión da lingua galega levada a cabo desde esta universidade.

2000 lecturas