O secretario xeral da Emigración agradece o labor e o apoio das oficinas sociais dos centros galegos de Venezuela

Antonio Rodríguez Miranda visitou a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas e aproveitou para recordar que permanece aberta a liña de apoio económico social deste departamento para axudar ás familias galegas residentes no exterior que se atopan nunha situación económica precaria.

Tamén visitou o centro de día desta entidade que presta servizo a medio cento de galegas e galegos residentes en Caracas.

O pasado ano, estas axudas permitiron apoiar a máis de 3.100 familias galegas de Venezuela.

  • Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita, hoxe, á Hermandad Gallega de Venezuela
    Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita, hoxe, á Hermandad Gallega de Venezuela
  • Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita, hoxe, á Hermandad Gallega de Venezuela
    Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita, hoxe, á Hermandad Gallega de Venezuela
  • Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita, hoxe, á Hermandad Gallega de Venezuela
    Antonio Rodríguez Miranda, na súa visita, hoxe, á Hermandad Gallega de Venezuela
Listen to this page using ReadSpeaker
Caracas (Venezuela), 15 de marzo de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe a Oficina social da Hermandad Gallega de Venezuela e o seu Centro de día para agradecer o seu labor e o apoio que dende a mesma se está a ofrecer aos galegos e galegas deste país que presentan maiores necesidades. 

Na súa visita á principal entidade galega en Venezuela estivo acompañado polo presidente da Hermandad, José Antonio Alejandro, e o seu secretario general, Ángel Manuel Rodríguez, e polo subdirector de Coordinación da Secretaría Xeral da Emigración, Antonio Casas. Na actualidade, a Hermandad Gallega de Venezuela conta con máis de 33.500 persoas asociadas, das que máis de 23.500 son galegas ou descendentes de galegos e galegos.   

O secretario xeral da Emigración aproveitou tamén para visitar o Centro de día da Hermandad, no que se presta servizo a medio cento de galegas e galegos residentes en Caracas de idade avanzada.

A Hermandad Gallega de Venezuela ofrece actividades de todo tipo, tanto culturais como sociais, deportivas e de ocio. “É, sen dúbida, unha das entidades máis importantes en canto ao apoio aos nosos galegos no exterior. Eles son que mellor coñecen a situación dos seus socios e poden axudarnos a chegar a quen pasa por maiores necesidades tanto sanitarias como económicas”, explicou Miranda.

Miranda recordou que o ano pasado destináronse case 4 millóns de euros a axudas de carácter social ás e aos galegos de Venezuela, o que lle permitiu á Administración autonómica desenvolver neste país tódolos programas de contido social cos que se lles atende.  

En total, estas axudas permitiron apoiar a máis 3.100 familias galegas de Venezuela tanto a través das axudas de emerxencia social como a través das económicas individuais, e tamén grazas ao programa de entrega de medicamentos co que se axuda a enfermas e enfermos crónicos ou maiores de orixe galega.

Miranda agradeceu tamén a colaboración que en este sentido están ofrecendo as oficinas sociais dos outros centros galegos de Venezuela: o Centro Gallego de Maracaibo, a Hermandad Gallega de Valencia e o Centro Gallego de Puerto La Cruz, “xa que sen eles sería moi difícil, senón imposible, chegar a toda esta colectividade, apoialos e acompañalos”.

305 lecturas