As oficinas de atención social en Venezuela, froito da colaboración entre a Xunta e as entidades, fan posible atender a máis de 10.000 galegos e galegas
Miranda visita a Oficina de atención social da Hermandad Gallega de Venezuela reafirmando compromiso da Xunta en manter unha conexión estreita coas e cos seus cidadáns no exterior.
A Xunta facilita a 2.000 familias galegas que reciban cada ano unha axuda económica de carácter social.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a Oficina de atención social que a Hermandad Gallega de Venezuela, en colaboración coa Xunta de Galicia, mantén aberta nas súas instalacións para prestar asistencia ás galegas e galegos residentes no país. A función desta oficina, como as demais existentes no país, é fundamental para axudar ás persoas interesadas en obter algunhas das axudas e programas que a Xunta de Galicia dispón para os galegos e galegas no exterior. “É esencial manter un diálogo aberto e continuo coas entidades galegas no exterior para poder ofrecer o apoio necesario e asegurar que ningunha persoa quede atrás”, declarou Miranda.
A rede de oficinas de atención social chegan a todas e todos os galegos de Venezuela a través dos centros galegos de Maracaibo, Puerto La Cruz, Hermandad Gallega de Venezuela, Hermandad Gallega de Valencia e Asociación Fillos de Galicia de Aragua.
Ademais das solicitudes de axudas económicas de carácter social, as oficinas de axudas sociais colaboran na xestión dos distintos programas dirixidos ás e aos galegos en Venezuela, como, Reencontros e Conecta con Galicia.
Esta visita reafirma o compromiso da Xunta de Galicia en manter unha conexión estreita cos seus cidadáns e cidadás no exterior, garantindo que as políticas e axudas cheguen de maneira eficaz a quen máis o precisa.
Novas relacionadas




