Emigración destina 40.000 euros ao Centro de día Santiago Apóstol de Caracas da Hermandad Gallega de Venezuela para a atención a galegas e galegos con necesidades socioasistenciais
O secretario xeral da Emigración firmou o acordo co presidente desta entidade galega en Venezuela, José Antonio Alejandro González.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou o acordo de colaboración co presidente da Hermandad Gallega de Venezuela, José Antonio Alejandro González, que permitirá destinar 40.000 euros para a atención a galegas e galegos con necesidades socioasistenciais no Centro de día Santiago Apóstol de Caracas.
A Hermandad Gallega de Venezuela é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1960 que ten como fin acoller ás persoas galegas emigrantes. Ofrece actividades de todo tipo, tanto culturais como sociais, deportivas e de ocio. “É, sen dúbida, unha das entidades máis importantes en canto ao apoio aos nosos galegos no exterior. Eles son quen mellor coñece a situación dos seus socios e poden axudarnos a chegar a quen pasa por maiores necesidades tanto sanitarias como económicas”, explicou Miranda.
En concreto, no Centro de día da Hermandad préstase servizo a medio cento de galegas e galegos residentes en Caracas de idade avanzada.
A Secretaría Xeral da Emigración leva anos colaborando con esta institución, xa que considera necesario contribuír á prestación de asistencia á colectividade galega residente en Venezuela e que estean a pasar dificultades vitais, “especialmente no caso dos máis maiores”, explicou Rodríguez Miranda.
Novas relacionadas