O Igape apoia 23 proxectos comerciais de empresas galegas que buscan implantarse no mercado brasileiro

Máis de 70 empresarias e empresarios galegos interesados en exportar ao Brasil reúnense co director da plataforma Pexga de São Paulo.

As exportacións galegas ao país sudamericano roldaron os 167 millóns de euros o ano pasado, fronte a unhas importacións de 55 millóns.

Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2013.

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) está a apoiar 23 proxectos de implantación empresarial en Brasil, dos que dez teñen carácter colectivo. Ese interese do tecido empresarial galego polo país sudamericano quedou de manifesto durante toda esta semana, na que o Igape e a Rede Pexga organizaron encontros co empresariado galego interesado en poñer en marcha proxectos de exportación ao mercado brasileiro.

A proxección galega en Brasil xa reflectiuse nos datos das exportacións realizadas durante 2012: roldaron os 167 millóns de euros, fronte a unhas importacións de 55 millóns.

Co obxecto de explorar as novas oportunidades de negocio que ofrece este país, máis de 70 empresarios e empresarias mantiveron reunións individuais co director da oficina en São Paulo da Rede Pexga en Santiago. A rede, impulsada pola Xunta a través do Igape e en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), facilita ás empresas galegas información especializada e asistencia directa en destino.

Os empresarios e empresarias participaron ademais nun taller de traballo, destinado a establecer novas vías de colaboración ou alianzas entre as empresas que están abordando ou consolidando a súa implantación nese mercado.

A Consellería de Economía e Industria está a promover a primeira implantación comercial de empresas en mercados exteriores, especialmente a través do plan Primex, que aprobou máis de trinta proxectos –cinco deles con Brasil como obxectivo– coa última convocatoria, que concedeu axudas por máis de 6 millóns de euros.

A Xunta de Galicia achega servizos ou axudas para cada fase da internacionalización empresarial, comezando pola elaboración de diagnósticos para determinar o potencial das empresas para saír a mercados exteriores, e respaldando esas operacións con programas como reExport, que prevé mobilizar este ano 8 millóns en préstamos para financiar as exportacións.

As e os empresarios galegos contan ademais coas oficinas da Rede Pexga, con oficinas abertas nos principais mercados de exportación de Galicia. Entre os servizos de asesoramento e apoio que ofrecen estas plataformas, destacan a preparación de axendas e encontros en destino, e o apoio en accións puntuais de promoción. Tamén forma parte dese apoio a dispoñibilidade das propias oficinas para funcionar como sede provisoria das empresas, para as xestións no país ou para o proceso previo á implantación comercial directa.

715 lecturas