Medio cento de empresas galegas apostan polo mercado francés no encontro coa plataforma Pexga de París

Francia mantívose en 2012 como primeiro destino das exportacións galegas, cunha facturación de 3.916 millóns de euros, o 23,7% do total.

A sede do Igape acolleu encontros personalizados nos que se ofreceu asesoramento ás empresas interesadas en iniciar ou ampliar a súa internacionalización cara o país.

Entre os participantes destacaron sectores como o do moble, a transformación e conservación de produtos do mar ou a investigación e o desenvolvemento.

O director do Igape, Javier Aguilera, xunto coa directora da plataforma da Rede Pexga en Francia, Belén Rodríguez.
O director do Igape, Javier Aguilera, xunto coa directora da plataforma da Rede Pexga en Francia, Belén Rodríguez.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2013.

Máis de 50 empresas galegas participaron durante esta semana en Santiago no punto de encontro desenvolvido no Igape coa plataforma da rede Pexga en Francia, que serviu para facilitar o contacto directo das empresarias e os empresarios interesados en iniciar ou consolidar o seu negocio nese mercado, o primeiro cliente das exportacións galegas.

No encontro empresarial quedou de manifesto o grande interese co que as pemes galegas miran a Francia, que se mantivo en 2012 como primeiro destino das exportacións, cunha facturación de 3.916 millóns de euros, o 23,7% do total das exportacións da comunidade.

Ao longo da semana que vén de rematar mantivéronse no Igape encontros e entrevistas individualizadas da directora da plataforma Pexga en París con representantes das empresas ou asociacións empresariais que o solicitaron, para recibir información, expoñer os seus plans de internacionalización cara a ese país ou presentar consultas ou encargos concretos sobre o mercado francés.

Entre as empresas galegas que participaron neste encontro destacaron as correspondentes a sectores como a fabricación de mobles, a construción, a elaboración e conservación de produtos do mar, as actividades relacionadas coa investigación e o desenvolvemento ou a confección e o téxtil.

Impulsada pola Xunta de Galicia, a través do Igape, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Rede Pexga proporciona ás empresas galegas información especializada e asistencia directa en destino sobre as oportunidades e posibilidades que brinda cada un dos mercados nos que ten presenza. Tamén informa dos aspectos fiscais, xurídicos, laborais e financeiros a ter en conta á hora de facer negocios ou implantarse no país.

Entre os servizos individualizados de asesoramento e apoio que as plataformas ofrecen a todas as empresas interesadas en reforzar a súa presenza internacional destacan a elaboración de axendas, o apoio en accións puntuais de promoción e a dispoñibilidade das oficinas da Rede, como sede provisoria, para as xestións no país ou para o proceso previo á súa implantación comercial directa en destino.

858 lecturas