Conde subliña as importantes oportunidades que ofrece Perú para as empresas galegas en sectores como o naval, a metalmecánica ou a construción

O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro co embaixador de España en Lima, Juan Carlos Sánchez, no que avaliaron as diferentes posibilidades de crecemento para o empresariado galego no país andino.

Conde subliña a importante vantaxe competitiva que supón a innovación e a alta capacidade tecnolóxica das compañías galegas para entrar en novos mercados como o peruano.

A través do servizo de licitacións internacionais SALT, promovido polo Igape, empresas galegas teñen conseguido contratos en Perú por 6 millóns de euros.

O conselleiro visitou a consultora galega GOC, que está a desenvolver varios proxectos en Perú.

O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro en Lima co embaixador de España en Perú, Juan Carlos Sánchez Alonso
O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro en Lima co embaixador de España en Perú, Juan Carlos Sánchez Alonso
Listen to this page using ReadSpeaker
Lima (Perú), 15 de xuño de 2013.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro en Lima co embaixador de España en Perú, Juan Carlos Sánchez Alonso, con quen abordou as diferentes oportunidades para as relacións comerciais e empresariais entre Galicia e Perú.

Neste sentido, sinalouse o crecente interese de Perú por potenciar o sector naval militar así como a renovación da súa flota menor pesqueira, que Galicia podería aproveitar, ademais das posibilidades para empresas de sectores como a metalmecánica, a construción, a enxeñería, a pesca ou o téxtil.

Na reunión subliñouse tamén a importante vantaxe competitiva que supón a innovación e a alta capacidade tecnolóxica das compañías galegas, poñendo de relevo que a través do Servizo de Licitacións Internacionais (SALT), promovido polo Igape en colaboración coa CEG, empresas de Galicia teñen conseguido contratos en Perú por un total de 6 millóns de euros.

Estas contratacións céntranse sobre todo en servizos de enxeñería e consultaría, sendo unha das empresas que lograron licitacións a través deste programa a galega GOC, cuxas instalacións en Lima visitou o conselleiro, acompañado polo seu presidente, Serafín Ocaña. Esta compañía, que está a desenvolver un proceso de internacionalización centrado en diferentes países de América Latina, focaliza a súa actividade en Perú no ámbito sanitario. GOC, ademais, tense acollido ao plan Primex, deseñado polo Igape para apoiar as primeiras implantacións comerciais de empresas galegas en mercados exteriores e que fomenta os proxectos colaborativos.

A visita do conselleiro de Economía e Industria a Perú estalle a permitir manter diferentes contactos para afondar e fortalecer as relacións comerciais e empresariais con este país andino, que é unha importante porta de entrada para os negocios con Brasil e Chile, ademais de Estados Unidos e China.

946 lecturas