Conde destaca a cooperación dos galegos e as galegas no exterior como clave para identificar novos mercados para Galicia

O conselleiro salienta nun encontro da Rede de Asociacións de Empresarios de Orixe Galego no Exterior o seu papel fundamental para “aproveitar o potencial exportador galego e atraer inversión estranxeira directa cara Galicia”.

O responsable de Economía e Industria lembra a aposta do Goberno galego pola internacionalización, eido ao que se destinan este ano 20 millóns de euros.

Conde sinala que “buscamos de forma activa que novos proxectos recoñezan na marca Galicia unha excelente oportunidade de inversión”.

  • Francisco Conde presidiu a xuntanza. Tamén participaron o secretario xeral da Emigración e o director do Igape. Foto:Xoán Crespo
    Francisco Conde presidiu a xuntanza. Tamén participaron o secretario xeral da Emigración e o director do Igape. Foto:Xoán Crespo
  • Francisco Conde presidiu a xuntanza. Tamén participaron o secretario xeral da Emigración e o director do Igape. Foto:Xoán Crespo
    Francisco Conde presidiu a xuntanza. Tamén participaron o secretario xeral da Emigración e o director do Igape. Foto:Xoán Crespo
  • Francisco Conde presidiu a xuntanza. Tamén participaron o secretario xeral da Emigración e o director do Igape. Foto:Xoán Crespo
    Francisco Conde presidiu a xuntanza. Tamén participaron o secretario xeral da Emigración e o director do Igape. Foto:Xoán Crespo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2013.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a importancia da colaboración das empresarias e dos empresarios galegos no exterior para facilitar a internacionalización das empresas galegas, identificar novos mercados e contribuír tamén á atracción de inversión estranxeira directa cara Galicia.

Nun encontro coa Rede de Asociacións de Empresarios de Orixe Galego no Exterior, da que forman parte trece asociacións de distintos puntos de España, Europa e América que agrupan a máis de 1.500 empresas, Conde salientou que “mediante a cooperación e a colaboración directa, esta Rede pode e debe ser clave no aproveitamento do potencial exportador galego”, así como na busca, de forma activa, “de novos proxectos que recoñezan na marca Galicia unha excelente oportunidade de investimento”.

Neste sentido, o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou as posibilidades que ofrece esta Rede, que conta co apoio do Igape, achegando información e asesoramento ás empresas galegas e buscando sinerxias que beneficien os proxectos de busca de novos mercados.

Francisco Conde recordou o compromiso do Goberno galego coa internacionalización como clave para a reactivación da economía, e salientou que as partidas para apoiar ás empresas neste proceso se incrementan este ano un 10%, alcanzando os 20 millóns de euros.

O conselleiro lembrou que para asesorar ás empresas na súa apertura a novos mercados a Xunta conta con ferramentas como o Servizo de Licitacións Internacionais (SALT) ou a Rede Pexga, posta en marcha en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, que inclúe 14 plataformas empresariais en ubicacións prioritarias para o tecido empresarial galego a través das cales se prestaron xa máis de 7.000 servizos.

Conde, que recordou que en 2012 máis de 5.700 empresas galegas tiveron parte do seu negocio no estranxeiro, segundo datos de novembro, sinalou que coa Rede Pexga se ten conseguido xa alcanzar o compromiso de 700 novas empresas exportadoras desde a súa creación.
 

1156 lecturas