Máis de 80 empresas interésanse polo mercado latinoamericano no encontro coa plataforma Pexga de Bos Aires
O número de empresas galegas que exportaron a Arxentina medrou en 2012 nun 37% con respecto a 2009.
Entre as empresas participantes no punto de encontro celebrado en Santiago destacaron as de sectores como a informática, a fabricación de maquinaria, o comercio ou a construción.
Máis de 80 empresas galegas participaron durante esta semana en Santiago no punto de encontro coa plataforma da rede Pexga en Arxentina, que se desenvolveu na sede do Igape. A iniciativa permitiu facilitar o contacto directo coas empresarias e os empresarios interesados en iniciar ou consolidar os seus negocios no mercado latinoamericano.
A iniciativa permitiu á directora da Plataforma da Rede Pexga localizada en Bos Aires manter reunións individualizadas coas empresarias e cos empresarios inscritos, para atender consultas e recibir encargos, non só sobre o mercado arxentino senón tamén sobre as posibilidades das empresas para iniciar ou consolidar os seus negocios en mercados da área como Chile, Uruguai, Paraguai e Perú. Entre as empresas participantes destacaron as de sectores como actividades informáticas, fabricación de maquinaria, comercio ou construción.O interese do tecido empresarial galego polo mercado arxentino tense incrementado nos últimos anos, e así, en 2012, o número de empresas galegas que exportaron a Arxentina medrou nun 37% con respecto a 2009, ao mesmo tempo que as exportacións a ese país medraron nun 109% no mesmo período.
Ademais dos encontros individualizados, unha trintena de empresas participaron nunha mesa redonda para avaliar posibilidades de cooperación para abordar novos retos de forma agrupada ou para consolidar a súa presenza, cooperando, nos mercados de América do Sur.
A Rede Pexga, posta en marcha pola Xunta en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, facilita ás empresas galegas información especializada e asistencia directa en destino sobre as oportunidades e posibilidades de negocio que brinda cada un dos mercados nos que ten presenza. Tamén informa dos aspectos fiscais, xurídicos, laborais e financeiros a ter en conta á hora de facer negocios ou implantarse no país obxectivo.
Entre os servizos individualizados de asesoramento e apoio que as plataformas ofrecen ás empresas interesadas en reforzar a súa presenza internacional destacan a elaboración de axendas, o apoio en accións puntuais de promoción ou a posibilidade de usar as oficinas da Rede, como sede provisoria, no proceso previo á súa implantación comercial directa.
Novas relacionadas