Máis de 40 empresas galegas interésanse polo mercado británico nun encontro coa plataforma Pexga de Londres

O mercado do Reino Unido ocupa o quinto posto entre os principais clientes das empresas exportadoras galegas.

As exportacións realizadas ata novembro de 2012 ascenderon a 645 millóns de euros, un 5% máis que en todo o ano anterior.

A sede do Igape acolleu encontros personalizados nos que se ofreceu asesoramento ás empresas interesadas en iniciar ou ampliar a súa internacionalización cara o país.

Entre os participantes destacaron sectores como o alimentario, téxtil, moble, ou o de actividades relacionadas coa investigación e o desenvolvemento.

Máis de 40 empresas galegas interésanse polo mercado británico nun encontro coa plataforma Pexga de Londres
Máis de 40 empresas galegas interésanse polo mercado británico nun encontro coa plataforma Pexga de Londres
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2013.

Máis de 40 empresas galegas participaron esta semana en Santiago no punto de encontro coa plataforma da rede Pexga no Reino Unido, que se desenvolveu na sede do Igape, co obxectivo de facilitar o contacto directo dos empresarios e empresarias interesadas en iniciar ou ampliar a súa presenza nese mercado cos responsables da oficina de negocio situada en Londres.

No encontro quedou de manifesto o crecente interese das empresas galegas polo Reino Unido, que de feito se situou en 2012 como o quinto principal destino das exportacións galegas, cunha facturación de 645 millóns de euros ata novembro, superando xa nun 5% as exportacións totais de 2011, cifradas en 614 millóns de euros.

Ao longo da semana mantivéronse encontros e entrevistas individualizadas con representantes das empresas ou asociacións empresariais que o solicitaron, para achegar información, coñecer os seus plans de internacionalización cara a ese país ou para atender consultas ou encargos concretos sobre o mercado británico, de especial interese para Galicia pola seu importante potencial económico.

Entre as empresas que participaron destacaron as de sectores como transformación e conservas de produtos do mar, confección e téxtil, madeira e moble, químico ou o de actividades relacionadas coa investigación e o desenvolvemento.

A Rede Pexga, impulsada pola Xunta de Galicia, a través do Igape, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), proporciona ás empresas información e asistencia directa, en destino, sobre as oportunidades que ofrece cada un dos mercados nos que se atopa. Tamén informa dos aspectos fiscais, xurídicos, laborais e financeiros a ter en conta á hora de implantarse no país.

Entre os servizos individualizados de asesoramento e apoio que se ofrecen a todas as empresas interesadas en reforzar a súa presenza internacional, destacan a elaboración de axendas, o apoio en accións puntuais de promoción e a dispoñibilidade das oficinas da Rede, como sede provisoria, para as xestións no país ou para o proceso previo á súa implantación comercial directa.
 

1115 lecturas