O galego avanza e aséntase como lingua de tecnoloxía

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e o secretario xeral de Política Lingüística presentaron a campaña Vive en galego, cos últimos recursos tecnolóxicos na lingua propia de Galicia.

O actor Rubén Riós e a gaiteira Susana Seivane colaboraron na difusión das últimas ferramentas ofimáticas en galego.

O galego avanza e aséntase como lingua de tecnoloxía. Así o demostran as novas ferramentas ofimáticas de última xeración en galego que a Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe no marco da campaña Vive en galego.

Listen to this page using ReadSpeaker
25 de febreiro de 2011.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a empresa Microsoft presentaron na tarde de onte as interfaces en galego de Windows 7, Office 2010, SharePoint 2010 e Dynamics CRM, no marco da campaña Vive en galego, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia busca difundir entre a cidadanía os recursos tecnolóxicos dispoñibles en lingua galega.

“A incorporación da lingua galega ás novas tecnoloxías e, particularmente, aos programas de maior uso social destinados ao desenvolvemento profesional e á comunicación no tempo de lecer, constitúe un obxectivo prioritario para a difusión do galego na sociedade”. Así o afirmou o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, durante o acto de presentación destes novos recursos tecnolóxicos en galego, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela.

Vivir en galego
Esta maior presenza da lingua galega no ámbito das tecnoloxías tradúcese, segundo asegurou Xesús Vázquez, “en máis facilidades para os falantes, en alento para continuar usándoa, en darlle á cidadanía a opción real de poder desenvolver a súa vida en galego”. En consecuencia, o conselleiro de Educación animou os galegos e as galegas a que usen e difundan estas e outras aplicacións, “para que galego e novas tecnoloxías sigan medrando xuntos”.

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo fincapé en que “para as empresas que crean tecnoloxía xa non é posible mirar para o mercado de Galicia sen mirar para o galego e, por suposto, é impensable falarmos de vitalidade lingüística sen que a nosa lingua estea neste carro da innovación tecnolóxica”. “Esta debe ser a nosa aposta colectiva, de empresas, institucións e cidadáns”, asegurou Anxo Lorenzo. “Os galegos e as galegas –engadiu– temos que mostrar que nos importa que o noso contorno tecnolóxico de traballo, de lecer, de relación social tamén estea en galego, nunha continuidade natural cos usos habituais que temos nas nosas relacións cotiás”.

No acto tamén participou o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo, quen destacou que “Windows 7, Office 2010, SharePoint 2010 e Microsoft Dynamics CRM nos achegan unhas novas experiencias enriquecedoras cos sistemas de información, e á súa vez contribúen a mellorar a nosa produtividade”. “Por iso –engadiu– non podiamos deixar de lado unha das primeiras funcionalidades para os nosos usuarios, a liberdade de elección da lingua na que queren estudar, traballar e vivir. Desde agora todos os cidadáns de Galicia poden gozar da tecnoloxía máis innovadora en galego”.

Presenza de Susana Seivane
O popular actor Rubén Riós foi o encargado de conducir a gala, que congregou a máis de 150 persoas do ámbito político, empresarial, académico, artístico e da cidadanía en xeral. Durante o acto, tamén se realizaron diversas conexións en directo a través de internet con galegos residentes en diversas cidades de todo o mundo, xa que internautas de 20 países do mundo seguiron a gala vía Lync. A gaiteira Susana Seivane foi a encargada de poñerlle música ao acto, a través de varias pezas do seu repertorio.

A colaboración institucional da Xunta de Galicia con Microsoft permite que, desde hoxe, os usuarios que o desexen poidan descargar, de forma sinxela e gratuíta, novas aplicacións en galego, para dispoñeren dun contorno de pantalla e de programas de corrección de idioma. Estas ferramentas incorpóranse ao amplo conxunto de recursos tecnolóxicos en lingua galega de software libre, redes sociais, blogs, correctores e tradutores, telefonía móbil, xestores de contido ou buscadores en lingua galega. Para difundir estas ferramentas entre a cidadanía, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten dispoñible unha ampla mostra na súa páxina www.xunta.es/linguagalega/vive_en_galego.

Favorecer a oferta de produtos e recursos informáticos en galego
Os obxectivos transversais do Plan xeral de normalización da lingua galega outórganlle unha gran relevancia á incorporación do idioma ás novas tecnoloxías. Lograr unha oferta ampla e competitiva de produtos e recursos informáticos en galego e potenciar a presenza da lingua galega en internet son dous dos obxectivos básicos que se recollen neste documento, que constitúe un piar de referencia na planificación da actividade da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

1490 lecturas