A Xunta de Galicia dinamizará o galego na rede entre a xuventude a través do certame ‘Lingua de namorar’

As consellerías de Traballo e Benestar e de Cultura e Educación, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, respectivamente, convocan este certame de declaracións de amor en liña para conmemorar o 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día de Internet.

O concurso está dirixido a mozos e mozas que teñan entre 14 e 35 anos, pero calquera persoa interesada poderá ter participación votando polas declaracións que máis lle gusten.

Listen to this page using ReadSpeaker

"Lingua de namorar", o concurso da S.X. de Política Lingüística dirixido á mocidade co gallo do Día das Letras Galegas. Con motivo da dobre celebración, o 17 de maio, do Día das Letras Galegas e mais do Día de Internet, as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, respectivamente, presentaron o pasado venres en rolda de prensa o concurso de declaracións de amor en galego vía internet ‘Lingua de namorar’.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou durante a presentación que o galego é actualmente “a lingua que preferimos para falar coa xente que queremos: os amigos, a familia, as persoas que temos preto”, mais que pode ser tamén “a lingua que usemos para dirixirnos a persoas descoñecidas e iniciar relacións novas que, se comezan en galego, se manterán en galego”. García Gómez destacou tamén que o noso idioma, “que foi lingua de namorar na Idade Media, pode seguir séndoo hoxe e esperamos que así o entenda a mocidade galega”. Neste sentido, indicou que “o prestixio literario que tivo e ten a lingua galega debe complementarse co que hoxe ofrecen outros medios, coma internet”.

Neste mesmo senso, Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado, fixo fincapé en que a promoción do idioma galego é necesaria e, por iso, lembrou que é unha das prioridades da primeira Lei de Xuventude de Galicia.

Plan xeral de normalización da lingua galega
Os obxectivos da nova iniciativa son fomentar a participación en galego da mocidade, aumentar a presenza do noso idioma en internet e animar ao seu uso nas relacións interpersoais, de acordo co establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega nos ámbitos da mocidade e das novas tecnoloxías.

Xuventude 2013, unha estratexia para a mocidade galega
‘Lingua de namorar’ contribúe tamén, no marco do Plan Estratéxico Xuventude 2013 deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ao fomento da lingua galega entre a mocidade. Ao fío disto, explicou o director xeral que unha vez que no Parlamento se aprobe a Lei de Xuventude de Galicia, as políticas de promoción e dinamización do galego entre a mocidade formarán parte dos sucesivos Plans Estratéxicos de Xuventude. “Todos os gobernos estarán obrigados a redactar e aprobar no Consello da Xunta en cada lexislatura”, apuntou.

Para concluír, Rodeiro explicou que “con esta iniciativa garantimos os principios de transversalidade e coordinación administrativa que deben rexer todas as políticas de xuventude, incluíndo as de dinamización lingüística”.

Bases do concurso
Ata o 17 de maio, os mozos e mozas que queiran participar poderán inscribirse e colgar as súas declaracións, de menos de 350 caracteres, na páxina web www.xunta.es/linguagalega/linguadenamorar, onde se poden consultar as bases do concurso. Todas as declaracións serán visibles nese mesmo web, onde figurarán de forma anónima, para que, a partir do Día das Letras Galegas e Día de Internet, as persoas que o desexen poidan votar polas que máis lles gusten.

As bases establecen dúas categorías -unha para mozos e mozas de 14 a 19 anos e outra para mozos e mozas de 20 a 35- e tres premios por categoría consistentes en produtos tecnolóxicos coma un iPad, unha wii ou un libro electrónico, entre outros.

Difusión a través de axentes dinamizadores locais e educativos
O secretario xeral de Política Lingüística mostrou o seu desexo de contar coa axuda das entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística e mais dos equipos de dinamización da lingua galega na difusión desta iniciativa, polo que agradeceu a súa colaboración.

A mocidade, un sector social prioritario para a dinamización lingüística
O galego é a lingua de maior uso social en Galicia. O 56,4% da poboación maior de 5 anos fala sempre en galego ou máis galego ca castelán, segundo se desprende dos datos da ECVFG-2008, e os que falan sempre en galego constitúen o 30% da poboación. Malia todo, a xuventude adoita utilizar máis o castelán. En consecuencia, as franxas de idade máis novas constitúen un dos principais retos para a lingua galega, así como o sector da poboación onde se fai máis necesaria unha actuación planificada para promover o uso do idioma.

886 lecturas