A Xunta de Galicia organiza o curso ‘O galego campa: ferramentas e propostas para a dinamización da lingua galega na mocidade’

A iniciativa, desenvolvida polas Consellerías de Cultura e Educación e Traballo e Benestar, vai destinada ao monitorado dos campamentos de verán e á mocidade en xeral.

Xa está aberta a inscrición neste curso gratuíto de formación específica en dinamización lingüística no ámbito da xuventude, que terá lugar na fin de semana do 31 de marzo ao 1 de abril no albergue xuvenil de Gandarío.

Listen to this page using ReadSpeaker

O galego campa!A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, respectivamente, impulsarán a dinamización do galego a través do primeiro curso de formación específica en dinamización lingüística, ‘O Galego campa’, no marco do ‘Plan de Formación no eido do tempo libre’. Esta iniciativa, que se desenvolverá nos campamentos de verán, vai dirixida ao monitorado destes campamentos e ás persoas interesadas no coñecemento de ferramentas e estratexias para a dinamización do galego na mocidade desde o ámbito do lecer e o tempo libre.

A inscrición para este curso, que é totalmente gratuíto, xa está aberta aos interesados e ás interesadas en participar na actividade, que terá lugar a vindeira fin de semana no albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo, A Coruña). A solicitude pode formalizarse a través do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa, onde tamén se pode consultar o programa do curso. As prazas dispoñibles para esta primeira edición son 25 e priorizaranse entre todas as solicitudes as de aquelas persoas que conten con formación previa en actividades de lecer e tempo libre.

O galego campa!
Esta formación insírese dentro do programa de dinamización lingüística “O galego campa!”, destinado aos campamentos de verán. O obxectivo do programa é favorecer o desenvolvemento da actividade en galego no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia e mais facilitarlle recursos ao monitorado na realización de actividades que animen aos rapaces e rapazas a se expresaren nesta lingua.

O galego é a lingua de maior uso social en Galicia. O 56,4% da poboación maior de 5 anos fala sempre en galego ou máis galego ca castelán, segundo se desprende dos datos da Enquisa de condicións de vida das familias galegas (2008), e os que falan sempre en galego constitúen o 30% da poboación. Malia todo, a xuventude adoita utilizar máis o castelán. En consecuencia, as franxas de idade máis novas constitúen un dos principais retos para a lingua galega, así como o sector da poboación onde se fai máis necesaria unha actuación planificada para promover o uso do idioma.

896 lecturas