O DOG publica hoxe as ordes de axudas a entidades galegas, polas que disporán de 1.575.000 euros

Destínase un millón a axudas para o funcionamento e actividades de índole cultural e social en relación con Galicia e os galegos e galegas.

Outros 575.000 teñen por obxecto achegas para facer fronte a gastos de obras, ou ben equipamentos.

 O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de abril.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2017.

Emigración reforza o seu apoio ás entidades galegas no Exterior, en cumprimento do papel que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se ten desenvolvido na Lei de Galeguidade, na atención aos colectivos que aglutinan á diáspora galega fóra do territorio.

Así, consolídase a aposta na axuda fundamental para garantir esa atención; destinaranse este ano un millón de euros á convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins formativos, culturais, sociais, de xuventude e informativos das comunidades galegas. Cómpre neste aspecto salientar que no ano 2016 experimentara un incremento do 11’11 %, que se consolida neste novo exercicio orzamentario de 2017.

Por outra banda, tamén se consolida, ata os 575.000 euros, a dotación orzamentaria para axudas á conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, ou ben para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

A orde de convocatoria de ambas liñas de axuda sae hoxe martes publicada no Diario Oficial de Galicia, e o prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de abril.

Tanto no primeiro como no segundo dos casos, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, ten destacado que mediante estas liñas de apoio ás comunidades, a Xunta axuda a que a actividade das mesmas “poida redundar directamente na promoción da nosa cultura, pero sobre todo na atención aos galegos do Exterior, especialmente no eido social, máxima prioridade do Goberno galego. Así o demostrou nos peores anos dunha crise que xa parecemos remontar, e nesa liña manterémonos no futuro”.

Cómpre destacar que outros departamentos da Xunta (Consellerías de Economía e Emprego, Sanidade, Política Social, Medio Rural, etc.) tamén realizan achegas directas e indirectas a estas comunidades, polo que a cifra destinada polo Goberno galego é sensiblemente superior.

1337 lecturas