A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo das axudas a entidades galegas, ás que destina preto de 1,6 millóns de euros
Máis de un millón de euros destas partidas están dirixidas ao funcionamento e actividades de índole cultural e social en relación con Galicia e as e os galegos.
Os 575.000 euros restantes teñen por obxecto achegas para facer fronte a gastos de obras ou de equipamentos.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de marzo.

A Secretaría Xeral da Emigración reforza un ano máis o seu apoio ás entidades galegas no exterior, en cumprimento do papel que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se ten desenvolvido na Lei de Galeguidade, na atención aos colectivos que aglutinan á diáspora galega fóra da comunidade galega.
O Goberno galego consolida, así, a súa aposta pola conservación da cultura, as tradicións e a atención aos galegos e as galegas que residen no exterior coa dotación de máis dun millón de euros á convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins formativos, culturais, sociais, de xuventude e informativos das comunidades galegas. A apertura do prazo de solicitudes desta liña de axudas dá continuidade ao compromiso da Secretaría Xeral da Emigración coas entidades do exterior, que quedou reflectido no incremento dun 11,11 % que se aplicou a esta partida no ano 2016.
Do mesmo xeito, tamén se consolida a dotación orzamentaria para axudas á conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións, así como para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, que este ano volven alcanzar os 575.000 euros.
A orde de convocatoria de ambas liñas de axuda saíron publicadas o pasado martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), e o prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de febreiro.
Cómpre destacar que outros departamentos da Xunta (Consellerías de Economía e Emprego, Sanidade, Política Social, Medio Rural, etc.) tamén realizan achegas directas e indirectas a estas comunidades de galegas e galegos residentes no exterior, polo que a cifra destinada polo Goberno galego é sensiblemente superior.
Novas relacionadas