Emigración destina medio millón de euros a apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos das comunidades galegas no exterior

O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de marzo.

Coa finalidade de atender o máximo número posible de solicitudes, a contía da subvención por proxecto non poderá superar os 30.000 ou 12.000 euros, segundo o programa ao que pretenda acollerse.

Estas axudas son compatibles e complementarias coas que Emigración ten xa convocado para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins das comunidades galegas nas áreas sociais, de xuventude, formativas, e culturais, dotadas con 900.000 euros, e cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de febreiro.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2015.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior, e se procede a súa convocatoria para o ano 2015.

Esta liña de apoio ás comunidades divídese en dous programas, un primeiro de axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou patrimonio cultural, e un segundo programa de axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

O orzamento xeral que a Secretaría Xeral da Emigración destina neste ano 2015 a esta iniciativa é de 500.000 euros. Destes cartos, 350.000 achegaranse para sufragar o primeiro programa, e o importe máximo que se concederá por subvención será inferior a 30.000 €.

Para o segundo programa de axudas para mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventa­riable, destínanse os restantes 150.000 €. O importe máximo da axuda que se concederá neste programa será de 12.000 €. O prazo de presentación de tódalas solicitudes remata o 24 de marzo.

Outras liñas
Esta liña de actuación é compatible e complementa outro tipo de axudas que Emigración publicou o DOG o pasado 28 de xaneiro, de subvencións para comunidades galegas, en réxime de concorrencia competitiva, para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins nas áreas sociais, de xuventude, formativas, e culturais, e cuxo prazo de presentación de solicitudes remata este 28 de febreiro.

Para esta outra liña, Emigración destina 900.000 euros, polo que a cantidade global que o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda inviste en axudas directas para as comunidades galegas suma 1.400.000 euros. A esa cantidade cómpre engadir outras actuacións das que se benefician tamén as entidades da diáspora, como a formación do seu profesorado a través do programa de Escolas Abertas, seminarios, o programa Conecta con Galicia para mozas e mozos galegos residentes no estranxeiro, etc., polo que a cantidade final da que se benefician as comunidades galegas, procedente da Secretaría Xeral, supera con creces o millón e medio de euros.

1090 lecturas