“Un Nadal de Contos” continúa mañá, mércores, na Aula GaliciaAberta rompendo barreiras da discapacidade

Esta nova proposta de contacontos da Secretaría Xeral da Emigración continúa desenvolvéndose tódolos mércores e sábados ata o próximo 26 de decembro.

As sesións corren a cargo de Polo Correo do Vento e contan cun concurso para que os máis pequenos e pequenas poidan optar a un lote de produtos do Xacobeo.

“A volta ao mundo de Working Wheels”
“A volta ao mundo de Working Wheels”
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020.

A Secretaria Xeral da Emigración  continúa mañá, mércores 16 de decembro, co programa “Un Nadal de Contos” destinado ás e aos máis pequenos dentro da Aula GaliciaAberta.  

A iniciativa, que consiste en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida, como vén sendo habitual, a través do Facebook Live de GaliciaAberta de 20 a 21 horas de España. 

O contacontos de mañá chámase A volta ao mundo con Working Wheels, e céntrase no labor que moitas persoas realizan para romper as barreiras da discapacidade e trasladar un mensaxe positivo de superación e loita pola vida.

Todas aquelas e aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

Os contacontos alternarán historias de Nadal con contos sobre o Xacobeo e historias de persoeiros célebres coma o pirata Benito Soto.  

Ademais, cabe recordar que a Secretaría Xeral puxo en marcha, en relación a este programa de contacontos, un concurso para as e os máis pequenos que premiará aos 50 primeiros nenos e nenas que remitan polo menos 5 debuxos realizados ao longo de todas as semanas de emisión desta iniciativa de contacontos, alomenos un por cada semana de emisión. 

Deste xeito, poderán elixir entre os dous contacontos que se emiten cada semana para realizar o seu debuxo. Ao final, as e os 50 primeiros que completen a iniciativa recibirán unha gorra, unha mochila e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo.

As pequenas e pequenos deberán facelas chegar á Secretaría Xeral da Emigración, a través do correo electrónico aulagaliciaaberta.emigracion@xunta.gal.

As bases do concurso poden atoparse na páxina web da Aula GaliciaAberta.

940 lecturas