“Un Nadal de Contos” da Aula GaliciaAberta achégase un ano máis aos máis pequenos con dúas historias centradas nestas festas
Esta proposta de contacontos da Secretaría Xeral da Emigración terá dúas sesións: o venres 27 decembro e o venres 3 de xaneiro.
A Secretaria Xeral da Emigración pon en marcha un ano máis o programa “Un Nadal de Contos” destinado ás e aos máis pequenos dentro da Aula GaliciaAberta. Deste xeito, nos próximos días desenvolveranse contacontos centrados na temática destas festas.
Os contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento poderanse visualizar nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedarán colgados.
O contacontos do 27 chámase “A poeta do Miño”, a historia dunha saramaganta regueifeira que perde a súa inspiración e se embarca nunha viaxe máxica polo río Miño. Alí atopa aventuras, amor e, sobre todo, a forza para atopar de novo a súa voz poética. Ao remate, os nenos poderán descubrir como facer o Apalpador, unha figura única do Nadal galego.
Por outra banda, o día 3 de xaneiro contamos con “A grande cea de Reis”, onde os veciños dunha vila galega se xuntan para compartir o mellor que cada un ten: os labregos, os mariñeiros, os ferreiros... Unha celebración comunitaria que reflicte á perfección o valor do traballo feito con amor. Ademais, os máis cativos poderán aprender a facer un Rei Mago nun obradoiro de debuxo moi especial.
- Un Nadal de Contos I: https://youtu.be/h1rAnqXcyzg
- Un Nadal de Contos II: https://www.youtube.com/watch?v=BZmplsO85xM
Novas relacionadas




