Miranda visita as comunidades galegas en Cataluña, e insta a profundar na unidade de esforzos durante os actos do 125 aniversario do Centro Galego de Barcelona
O cargo autonómico recibe a Medalla de Ouro da entidade presidida por Manoel Carrete, e tamén foron homenaxeadas as persoas asociadas con 50 e 25 anos de permanencia na entidade.
O secretario xeral da Emigración reúnese antes con representantes de entidades para poñer ao día a información sobre as vías de colaboración.
No seu primeiro acto fóra de Galicia tralo pasamento de Amarelo de Castro, afirma que “honraremos a memoria de don Fernando intentando, coa nosa humilde achega, continuar o traballo que el comezara”.
- No festival folclórico de celebración do 125 aniversario do Centro Galego de Barcelona actuaron grupos de diversas entidades galegas de Cataluña
- Manoel Carrete (esquerda) e Antonio Rguez. Miranda (dereita) durante o festival folclórico de celebración do 125º aniversario do Centro Galego de Barcelona
- Imaxe da xuntanza desta mañá en Badalona
- Imaxe da xuntanza desta mañá en Badalona
- Imaxe da xuntanza desta mañá en Badalona
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reúnese hoxe con directivas e directivos de diversas entidades galegas con presenza en Cataluña. Á cita de traballo, a desenvolver na Xuntanza de Asociacións Galegas en Cataluña na súa sede en Badalona, asisten representantes desta entidade e máis da Unión de Asociacións Galegas de Catalunya, da Asociación Centro Galego e de Casas de Galicia de Barcelona e Provincia, así como do Centro Galego de Sabadell.
Trátase do primeiro acto fóra de Galicia do alto cargo autonómico tralo pasamento este xoves do que fora secretario xeral para a relación coas Comunidades Galegas, Fernando Amarelo de Castro, de quen todas e tódolos presentes teñen gabado a súa importancia como pedra angular do recoñecemento institucional da Galicia universal: “Alá onde estea, honraremos a memoria de don Fernando intentando, coa nosa humilde achega, continuar o traballo que el comezara”, dixo Miranda.
O secretario xeral da Emigración ponse ao día no referente á información sobre as vías de colaboración entre o Goberno galego e as distintas entidades galegas en Cataluña, e estúdanse fórmulas para optimizar esa colaboración, e tamén entre as propias entidades. “As e os galegos residentes nesta terra foron exemplo cando decidiron unir esforzos. Insto ás directivas das entidades a profundar nesa idea de unidade, de maneira que tanto as súas iniciativas, como as que desenvolvemos desde a Administración coa súa colaboración, teñan máis forza, e toda a repercusión posible na contorna onde desenvolven a súa actividade”, afirmou Rodríguez Miranda.
125 aniversario
O alto cargo autonómico asiste asemade esta tarde aos actos do 125 aniversario del Centro Galego de Barcelona, que preside Manoel Carrete, e que teñen lugar no Centro de Cultura Contemporánea da capital catalá, con posterior cea de confraternidade no propio Centro Galego. Durante os actos, reciben medallas os socios con 50 anos na entidade Julio Vázquez e Luis Cidre, e outros seis –entre eles o propio Carrete- polos 25 anos de permanencia na mesma. Ademais, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibe a Medalla de Ouro da entidade.
Está prevista a presenza asemade de boa parte da colectividade galega residente en Barcelona e resto de Cataluña, e a xornada de confraternidade contará coas actuacións das diferentes agrupacións musicais da propia Asociación Centro Galego e de Casas de Galicia de Barcelona e Provincia, e tamén da Agrupación Cultural Saudade (da Unión de Asociacións Galegas de Catalunya), e coa colaboración do Centro Asturiano de Barcelona.
A Asociación Centro Galego e Casas de Galicia de Barcelona e Provincia, da que forma parte o Centro Galego de Barcelona, conta cuns 3.000 socios e socias. Trátase da comunidade galega que formaron, ademais da devandita entidade, a Irmandade A Nosa Galiza de Mollet del Vallés, a Asociación A Cova da Serpe, a Agrupación Cultural Galega Alborada, e a Irmandade Galega O Botafumeiro.
A entidade presidida por Carrete é á súa vez froito da unión doutras dúas no ano 1931, a Casa de Galicia e a Sociedade Artística Cantigas e Aturuxos. Conta cun senlleiro local social en propiedade en plenas Ramblas, con servizos de hostalaría no baixo, e dispón asemade no andar de biblioteca, sala de lectura e un salón de actos cun aforo para medio millar de persoas, e unha salientable sala de exposicións.
Galegas e galegos en Cataluña
No conxunto da Comunidade Autonóma catalá están censados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, un total de 72.808 galegos e galegas de nacemento, das e dos cales 62.130 (o 85’3 por cento) residen en Barcelona e provincia. Como dato estatisticamente curioso, a provincia de procedencia máis numerosa é a de Lugo (26.887 persoas, un 36’9 %), algo moi pouco habitual entre a diáspora galega.
Novas relacionadas