“Galicia, Pórtico Universal” comeza o seu percorrido de 2014 no porto de Barcelona, mercé á colaboración das comunidades galegas en Cataluña coa Generalitat e a Xunta

O delegado do ‘Govern’ catalán en Barcelona, e o secretario xeral da Emigración da Xunta, entre outras autoridades, presentaron esta mañá ‘Galícia i Catalunya, mostra agroalimentària i cultural’, que quedará encravada de xoves a domingo no ‘Moll de la Fusta’.

Esta iniciativa -que o pasado ano percorreu o País Vasco, Sevilla, Frankfurt, e a propia capital catalá, única cidade na que repite visita- instalarase en 2014 en cinco cidades, dando por primeira vez o salto ao outro lado do Atlántico.

  • Imaxe da presentación levada a cabo esta mañá en Barcelona
    Imaxe da presentación levada a cabo esta mañá en Barcelona
  • Foto de arquivo cunha demostración de encaixe de palillos
    Foto de arquivo cunha demostración de encaixe de palillos
Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona/Santiago, 27 de maio de 2014.

O delegado do Govern catalán en Barcelona, Fernando Brea, e o secretario xeral da Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, presentaron esta mañá en Barcelona ’Galícia i Catalunya, mostra agroalimentària i cultural’, coa que inicia o seu percorrido deste ano Galicia Pórtico Universal.

O acto contou asemade coa participación do director xeral de Desenvolvemento Rural do Departamento de Agricultura, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Natural da Generalitat, Jordi Sala, e a asistencia do Comisionado de Participación Cidadá e Asociacionismo do Concello de Barcelona, Carles Agustí, a directora dos Servizos Territoriais do Departamento de Cultura en Barcelona, Àngels Torras, e mailo responsable de Relacións coas Casas Rexionais do Departamento de Gobernación e Relacións Institucionais, Xavier Cortés.

Galicia, Pórtico Universal é unha liña de actuación posta en marcha o pasado ano e que quere dar a coñecer a Comunidade Autónoma aos cidadáns e ás cidadás doutras Comunidades e países, e que neste 2014 comeza a súa andaina en Barcelona con presenza de produtos e produtores locais. Trátase dunha iniciativa das comunidades galegas asentadas fóra da Galicia territorial, que conta no caso de Barcelona co firme apoio das autoridades da cidade e de Cataluña, que achega tamén unha escolma da súa produción agroalimentaria.

Diáspora activa
Rodríguez Miranda gabou precisamente esta colaboración “por canto supón un novo fortalecemento nas boas e estreitas relacións entre os pobos catalán e galego, e ademais dá proba da integración e presenza da colonia galega en Cataluña. No caso de Galicia Pórtico Universal, os galegos da diáspora actúan como auténticos embaixadores da nosa terra”. Ademais, indicou que “supón un magnífico expoñente de coordinación entre distintos departamentos dunha mesma Administración, e tamén entre varias administracións, mediante o cal coopérase e multiplícase o efecto, optimizando así os recursos”.

A instalación
Galicia Pórtico Universal é unha infraestrutura sinxela e moi versátil que inclúe una exposición de artesanía galega, unha mostra de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, unha demostración en vivo dunha actividade artesán galega, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e unha aula profesional de catas.

Este ano, ademais, inclúe como novidade salientable a venda de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa, e tamén actuacións no ámbito cultural adaptadas a cada lugar onde se instale. Ademais en Barcelona, única cidade na que repite visita, contará coa achega de produtos e produtores locais. Galicia Pórtico Universal ficará no Moll de la Fusta (‘Peirao da Madeira’) do porto da capital catalá entre o xoves 29 de maio e o domingo 1 de xuño.

Mercé ao éxito acadado pola iniciativa, o Goberno galego pretende darlle pulo no decurso do ano 2014 levando a instalación a dúas cidades máis en España (Vitoria e Córdoba), unha en Alemaña (Hamburgo), e por vez primeira unha en América, dando o salto á outra beira do Atlántico, concretamente para a posta en marcha de “Buenos Aires celebra Galicia” o vindeiro mes de setembro, tralo acordo acadado co Goberno da Cidade capital arxentina.

1557 lecturas