Miranda visita as comunidades galegas en Cataluña, e insta a profundar na unidade de esforzos

O secretario xeral da Emigración reúnese con representantes de entidades para poñer ao día a información sobre as vías de colaboración.

Estúdanse fórmulas para optimizar esa colaboración para o vindeiro ano 2018, e tamén entre as propias entidades.

Imaxe da xuntanza celebrada en Cornellà de Llobregat (Barcelona)
Imaxe da xuntanza celebrada en Cornellà de Llobregat (Barcelona)
Listen to this page using ReadSpeaker
Cornellà de Llobregat / Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse hoxe con directivos e directivas de diversas entidades galegas con presenza en Cataluña. Á cita de traballo, a desenvolver na Xuntanza de Asociacións Galegas en Cataluña na súa sede en Cornellà, asistiron representantes desta entidade e máis da Unión de Asociacións Galegas de Catalunya, da Asociación Centro Galego e de Casas de Galicia de Barcelona e Provincia, así como dos Centros Galegos de Sabadell e de Tarragona.

O secretario xeral da Emigración púxose ao día no referente á información sobre as vías de colaboración entre o Goberno galego e as distintas entidades galegas en Cataluña, e “as e os galegos residentes nesta terra foron exemplo cando decidiron unir esforzos. Insto ás directivas das entidades a profundar nesa idea de unidade, de maneira que tanto as súas iniciativas, como as que desenvolvemos desde a Administración coa súa colaboración, teñan máis forza, e toda a repercusión posible na contorna onde desenvolven a súa actividade”, afirmou Rodríguez Miranda.

Galegas e galegos en Cataluña
No conxunto da Comunidade Autónoma catalá están censados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, un total de 71.574 galegos e galegas de nacemento, das e dos cales 61.000 (o 85’22 por cento) residen en Barcelona e provincia. Como dato estatisticamente curioso, a provincia de procedencia máis numerosa é a de Lugo (26.293 persoas, un 36’7 %), algo moi pouco habitual entre a diáspora galega.

1321 lecturas