Miranda traslada no programa Bos Días da TVG a boa acollida entre a colectividade galega da Arxentina e do Uruguai das novas medidas que contempla a ERG2026

O secretario xeral da Emigración, no Bos Días da Televisión de Galicia
O secretario xeral da Emigración, no Bos Días da Televisión de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou nas últimas horas, no programa Bos Días da TVG, a boa acollida entre a colectividade galega da Arxentina e do Uruguai das novas medidas que contempla a ERG2026, trala viaxe realizada a pasada semana a estes dous países onde residen case 223.000 galegas e galegos do exterior, máis do 40% do total.

Durante a entrevista na Televisión de Galicia, Miranda lembrou que a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 da Xunta de Galicia duplica tanto en medidas como en orzamento á anterior, pioneira en España e aprobada en 2018. Partindo da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, a Estratexia Galicia Retorna ten como obxectivo facilitar o regreso de 30.000 galegas e galegos do exterior nos próximos 4 anos, tanto emigrantes coma os seus e as súas descendentes. Esta nova ferramenta conta cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto, o dobre ca anterior, dando un importante protagonismo ao ámbito laboral, porque, tal e como explicou Miranda, “o emprego é imprescindible para asentar poboación, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias”. 

  • Entrevista ao secretario xeral da Emigración na TVG | Acceder
409 lecturas