Miranda transmite o apoio da Xunta á colectividade galega no Uruguai

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro cos presidentes dos centros galegos de Montevideo.

Esta reunión enmárcase na liña da Xunta por reforzar o traballo das entidades galegas do país, co apoio imprescindible da Delegación de Montevideo.

O Centro Gallego de Montevideo é a entidade galega no exterior máis antiga do mundo.

  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na súa reunión cos presidentes dos centros galegos de Montevideo
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na súa reunión cos presidentes dos centros galegos de Montevideo
  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na súa reunión cos presidentes dos centros galegos de Montevideo
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, na súa reunión cos presidentes dos centros galegos de Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 19 de setembro de 2026.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, transmitiu o apoio da Xunta á colectividade galega no Uruguai. Fíxoo durante unha reunión que mantivo cos presidentes dos centros galegos de Montevideo na Delegación da Xunta na capital uruguaia, na que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Montevideo, Elvira Domínguez.

No encontro, os presidentes dos centros galegos aproveitaron para contarlle ao secretario xeral o labor que desenvolven nas súas entidades en favor da colectividade galega, así como para difundir as tradicións da nosa terra polo país suramericano. Esta reunión enmárcase na aposta do Goberno galego por reforzar o traballo das entidades galegas no país, labor que conta coa presenza fundamental da Delegación da Xunta en Montevideo. Actualmente, no Uruguai hai máis dunha decena de entidades da colectividade galega, todas elas en Montevideo.

Ademais, o secretario xeral puxo en valor o papel das entidades galegas do exterior como espazos de encontro e transmisión da cultura e das tradicións, e animou aos alí presentes a seguir co compromiso de manter viva a identidade e fortalecer os vínculos con Galicia.

Tamén se mencionaron no encontro dous eventos importantes para a colectividade galega no exterior, que son o próximo Consello de Comunidades Galegas, que vai celebrarse no Río de Xaneiro en novembro, e o Día da Galicia Exterior, que se celebrará o próximo mes de xullo, no marco do Ano Xacobeo.

A entidade galega no exterior máis antiga do mundo está no Uruguai. Trátase do Centro Gallego de Montevideo, que ten as súas orixes no ano 1879.

101 lecturas